Lugo acolle o I Encontro Transnacional de Empresas da Eurorrexión

Xoves, 03 de xullo de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, inaugurou oficialmente o I Encontro Transnacional de Empresa da Eurorrexión que se celebrou esta mañá no Salón de Actos do Cei-Nodus.

Na súa intervención a Concelleira explicou que "por medio do Proxecto Parque queremos levar a cabo unha modernización dos poligonos empresariais socios do proxecto dos que o Concello de Lugo e o xefe de fila". Os socios do Concello neste proxecto son:
- Universidade de Santiago de Compostela
- Consorcio da Zona Franca de Vigo
- Fundación Caixanova
- Parque Tecnolóxico de Galicia S.A.
- Deputación Provincial da Coruña
- Concelho de Chaves
- Câmara Municipal de Bragança.

A  Concelleira explicou que "este encontro sirve como colofón ás actuacións levadas a cabo por todos os socios  e como un foro no que intercambiar as experiencias persoais dos empresarios de Galicia e do Norte de Portugal así como dos xerentes dos parques".

En Lugo todas as actuacións estan xa en marcha, o proxecto finaliza o 31 de xullo de 2008, polo que nesa data todas as actuacións estarán rematadas. Os eixes sobre os que versa son os seguintes:

1.- MELLORA DA SEGURIDADE NO POLIGONO DE O CEAO
Implementarase un sistema de videovixilancia con 30 videocámaras, 15 de visión xeral e outras 15 de lectura de matriculas que estarán conectadas cun posto de control instalado na sede da Policia Local. A comisión de videovixilancia do Tribunal Superior de Xustiza deu autorización para a instalación das cámaras e a empresa PROTESE, entidade que resultou gañadora no concurso, está traballando para  a súa instalación. De feito, xa están colocados os mástiles e as cámaras, tan solo falta a conectividade da rede wimax que se realizará a finais deste mes de xullo.

2.- PUNTOS DE INFORMACIÓN.
As marquesinas e os puntos de información xa están instalados, tan só precisan a a súa conexión eléctrica que se fará a través da rede wimax, que estara remada a finais deste mes de xullo.

Nos puntos de información poderase consultar información das empresas do polígono de O Ceao. Estes puntos están debidamente sinalizados coas sinais regulamentarias de información e van acompañados duns paneis con planos que facilitarán a ubicación das empresas.
  
3.- MELLORA DA SINALIZACIÓN NO POLIGONO DO CEAO
Ademais dos puntos de información e dos paneis, instaláronse tres mástiles verticais con varias sinais en forma de flecha que indican a dirección das rúas do polígono.

4.- REDE WIMAX
Implantarase unha rede sen fíos de banda ancha que nun futuro abre un mundo de novas posibilidades. A empresa EMETEL (que foi a gañadora do concurso) está a traballar para tela finalizada neste mes de xullo.

5.- POSTA EN MARCHA DA REDE TELEPOLE
Outro dos hitos do proxecto foi a creación dunha central de comunicacións sobre IP que conecta aos 6 parques participantes do proxecto: o Ceao, o Polígono de Sabón en A Coruña, o Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense, o Parque de Valadares en Vigo, o Parque de Bragança e o Parque de Chaves.

6.- CURSOS DE FORMACIÓN
Deseñouse o catálogo de accións formativas que se realizaron nos meses de outubro e novembro tanto na sede da Asociación de Empresarios de O Ceao e no Centro de Empresas e Innovación. Impartíronse un total de 13 conferencias dirixidas a directivos e xerentes de empresas de dúas horas en horario de 19:00 a 21.00. Asismesmo, realizáronse catro talleres nos que se desenvolveron aplicacións concretas para as empresas participantes.

Para levar a cabo todas as actuacións do Proxecto Parque os socios contaron cun orzamento total de 2.815.131,04 euros, dos que 891.969,44 euros foron investidos no Concello de Lugo.

Os participantes na xornada asistiron ao relatorio Vantaxes competitivas derivadas da innovación e cooperación, impartida por D. José María Vela, Director do Centro de Innovación de EOI. Ademais, realizouse unha proxección do documental  recompilatorio das actuacións levadas a cabo por cada un dos socios do proxecto PARQUE.

Fin da xornada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Subdelegado do Goberno en Lugo, Jesús Otero Calvo, foron os encargados de clausurar este primeiro encontro transnacional.

López Orozco, agradeceu traballo conxunto "non existen as fronteiras, existe un traballo conxunto, en colaboración para constituir esa eurorrexión de case 6 millòns de habitantes que pode representar un importante aliciente económico, cultural e científico para a Unión Europea". Destacou que este tipo de encontros "serven para intercambiar opinións, ideas, para xerar debate".

López Orozco suliñou a importancia de que o Ceao mellore como parque empresarial "o Ceao de hoxe non se parece en nada ao de hai uns anos e debe seguir mellorando e non parecerse ao do futuro. Seguiremos apostando por él e polo das Gàndaras cando empece a funcionar".

O Alcalde explicou que o futuro dos parques empresariais pasa por unha modernización constante, para competir globalmente. Facendo referencia à súa viaxe institucional a China, dixo que alí visitaron parques tecnolóxicos moi avanzados que serviràn de exemplo para seguir mellorando.

Noticias relacionadas