A licitación das casetas do polbo queda deserta ao non presentarse ningunha empresa ao concurso

Maite Ferreiro: “entendemos que as incertidume creada polos constantes cambios marcados pola Xunta nas medidas sanitarias non incentivaron a participación no concurso das casetas”

A área de Mobilidade, dirixida por Rubén Arroxo permitirá aos negocios solicitar ocupacións de vía pública para colocar caldeiros

Mércores, 25 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A licitación das casetas do polbo queda deserta ao non presentarse ningunha empresa ao concurso

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou que a licitación das casetas do polbo quedou deserta, ao pecharse hoxe o prazo de presentación sen presentarse ningunha empresa ao concurso público. Maite Ferreiro explicou que “este 25 de agosto pechouse o prazo de licitación, e malia que aínda poden chegar ofertas presentadas en tempo e forma noutros rexistros, que tardan uns días en chegar ao Concello, non recibimos ningunha oferta para o concurso no rexistro municipal”. No caso de recibirse ofertas procedentes doutros rexistros, continuarase co procedemento de contratación do xeito habitual.

“Desde a área de Cultura traballamos para facilitar ao máximo as condicións dos pregos, para así permitir que os distintos negocios que quixesen optar a colocar casetas e os caldeiros puidesen facelo tendo a seguridade de que só pagarían segundo a cabida que tivesen en cada momento”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “entendemos que aa incertidume creadas polos cambios impostos constantemente pola Xunta de Galiza nas medidas para a hostalería desincentivaron que moitas empresas se presentasen a xestionar as casetas do polbo”.

A volta das casetas do polbo foi un acordo da Comisión de Festas de xullo. Maite Ferreiro explicou que “de cara ao final do verán celebraremos unha nova comisión de festas para buscar o acordo da Corporación Municipal sobre o retorno do recinto feiral do San Froilán”.

Caldeiros na rúa

A área de Mobilidade e Infraestruturas, dirixida por Rubén Arroxo, permitirá aos distintos negocios presentar solicitudes para colocar caldeiros na rúa, do mesmo xeito que no ano 2020.

Para solicitar colocar un caldeiro, os negocios de hostalería terán que cubrir o impreso número 179, que se pode atopar na páxina web do concello e presentar a documentación requerida a tal efecto: http://concellodelugo.gal/sites/default/files/documentos/adjuntos/2020/10/179_solic_caldeiro_polvo_06102020.pdf 

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre a licitación das casetas do polbo | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas