Lara Méndez solicítalle a Feijoo un encontro para abordar “con lealdade e colaboración” os retos de futuro do Concello de Lugo

A rexedora insta ao presidente galego a retomar os asuntos pendentes na cidade e a afrontar novas accións “nun momento de grandes incertezas ante a crise sanitaria, económica e social propiciada pola pandemia”

Mércores, 07 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez solicítalle a Feijoo un encontro para abordar “con lealdade e colaboración” os retos de futuro do Concello de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez vén de solicitarlle ao presidente da Xunta de Galicia un encontro persoal para abordar “dende a lealdade e a colaboración” os retos de futuro do Concello de Lugo.

Logo de felicitalo por ter acadado o favor da cidadanía para continuar á fronte do executivo autonómico unha lexislatura máis, a rexedora instou a Núñez Feijoo a retomar os asuntos pendentes na cidade e afrontar novas accións “nun momento de grandes incertezas ante a crise sanitaria, económica e social que propiciou a aparición do Covid -19”.

“Confío en que esta sexa a etapa da sintonía e do entendemento entre ambas as dúas institucións porque Lugo ten aínda moitos desafíos que acadar para situarse ao nivel doutras grandes capitais galegas. Son moitos os proxectos que a Xunta ten comprometidos cos e coas lucenses, e para os que o Concello brinda a súa máxima cooperación co fin de avanzar neles”, reflectiu a alcaldesa na misiva enviada hoxe ao mandatario galego.

Unha carta na que Méndez agradeceu a Feijoo o seu ton conciliador e a súa disposición para, nun esforzo compartido, reanudar proxectos pendentes de anos anteriores, resolver os que agardan pola toma dalgunha decisión e iniciar aqueles que se fan imprescindibles tendo en conta o actual contexto socioeconómico derivado da pandemia. “Novas prioridades, que debemos asumir tamén como novas oportunidades e que deben capitalizar a xestión das administracións”.

“Neste escenario – sostivo a alcaldesa - Lugo conta co potencial de camiñar cara a unha transformación como municipio de vangarda en urbanismo sostible nun proceso que, non só é unha excelente oportunidade para a cidade, senón tamén para a provincia e, polo tanto, para Galicia como proxecto de país”.

“Os novos tempos necesitan de profundas reflexións para os cambios que veñen, de alianzas e de valentía política. Así nolo esixe a cidadanía e en Lugo, a Xunta e o seu presidente, atoparán non só a lealdade para alcanzar os acordos senón tamén a afouteza para desenvolvelos”, conluíu Lara Méndez ao tempo que convidou ao presidente a concretar a data desa reunión.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a carta enviada a Núñez Feijoo, para manter unha reunión | Descargar mp3

Noticias relacionadas