Lara Méndez presenta o Plan Reanima Lugo, co que se destinarán 5 millóns de axudas directas a protexer o emprego e darlle liquidez aos autónomos, empresas e familias

As liñas do plan, o primeiro de activación económica municipal que se pon en marcha en Galicia, complementará as axudas que activen outras administracións
 
A alcaldesa sostén que, aínda que o Concello non ten competencias en Traballo, “da crise debemos saír entre todos. Que Lugo se recupere con celeridade é a nosa incumbencia”
 
Concederá contías fixas de 1.200€ a autónomos e empresas que tiveron que pechar polos decretos do Goberno e de 750 € a aquelas que diminuíron a súa facturación un 75%
 
As empresas recibirán entre 450€ e 600€ por empregado se non recorren a un ERTE
 
As que boten man dun ERTE, recibirán axudas sempre que acorden cos traballadores que estes percibirán o 100% da base reguladora, e non só o 70%, que é o que aporta o Estado
 
Un millón de euros irá destinado ás axudas de conciliación da vida familiar e laboral

Xoves, 02 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presenta o Plan Reanima Lugo, co que se destinarán 5 millóns de axudas directas a protexer o emprego e darlle liquidez aos autónomos, empresas e familias

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou esta mañá as liñas concretas do Plan Reanima Lugo, que contará cun financiamento municipal de 5 millóns de euros destinados a protexer os postos de traballo no municipio e a inxectarlle liquidez aos autónomos, microempresas e pemes que se están vendo afectadas pola crise do coronavirus co fin de amortecer a redución drástica de ingresos, así como a apoiar ás economías familiares.

A rexedora, que estivo acompañada polos concelleiros da área de Desenvolvemento Local, Álvaro Santos e Mauricio Repetto, avanzou que este plan, o primeiro de activación económica que se pon en marcha a nivel municipal en Galicia,  “soportarase na partida que habilitaremos de 5 millóns de euros,  xa anunciada, e que busca ser complementaria ás axudas que poñen en marcha outras administracións co fin de, entre todos, sumar máis apoios e máis axudas. A colaboración, tamén neste ámbito, ten que ser, sen dúbida, o camiño para saír deste escenario de emerxencia sanitaria, social e económica”.

Lara Méndez comentou que, aínda que os concellos non teñen as competencias en Traballo, “pensamos que onde acaban as nosas competencias comezan as nosas incumbencias, e, insisto, desta crise debemos saír entre todos e todas. E que Lugo se recupere coa maior celeridade posible é, desde logo, a nosa incumbencia”.

A alcaldesa presentou este plan esta mañá por videoconferencia aos distintos sectores económicos, “cos que seguiremos a traballar en todas aquelas ideas, medidas e propostas que sexan necesarias para activar económica e socialmente o noso municipio, contando, ademais, con que podemos actuar grazas á solvencia das finanzas municipais”. Tamén foi presentado aos portavoces dos distintos grupos da Corporación en xunta de Voceiros.

O Plan Reanima Lugo basearase na concesión de axudas directas e artellouse para poder desenvolverse da maneira máis áxil posible e coa menor burocracia. Inclúe dúas liñas principais:

1) Medidas de axuda ao impulso económico e de protección do emprego, ás que destinaremos 4 millóns de euros

A estas axudas poderán presentarse aquelas empresas que se viron afectadas polo peche das súas actividades debido aos decretos marcados polo Goberno central, así como os autónomos, ademais daquelas que reduciran a súa facturación polo menos un 75% no mes anterior a pedir esta axuda.

As empresas deberán ter o seu domicilio fiscal en Lugo, ou local de desenvolvemento da súa actividade.

As contías serán as seguintes:

  • No caso daquelas empresas ou autónomos, con ou sen traballadores ao seu cargo, que se viron afectadas polo peche decretado, recibirán unha cantidade fixa de 1.200 euros.
  • Se non pecharon, pero reduciron ata un 75% a súa facturación, a contía fixa será de 750 euros.

En ambos os dous supostos:

  • Se non tramitan un ERTE, recibirán, ademais, 600 euros por traballador se a empresa ten ata 9 empregados, e de 450 euros se ten entre 10 e 49 traballadores (inclusive). Os beneficiarios destas axudas comprométense a non solicitar o ERTE nos tres meses posteriores á súa concesión.
  • Pola contra, se tramitan un ERTE, ademais das axudas fixas, recibirán 180 euros por traballadorse a empresa ten ata 9 empregados, e de 120 euros se ten entre 10 e 49 traballadores (inclusive). Neste caso, só poderán percibir as contías por traballador se a empresa acredita ter acordado con eles ou coa representación sindical que o complemento salarial do ERTE será do 100% da base reguladora, e non só do 70%, que é o que aporta o Estado.

2) Medidas de axuda á conciliación da vida familiar e laboral por situacións derivadas do COVID 19, ás que destinaremos 1 millón de euros

As persoas solicitantes deberán terán que estar empadroadas no municipio.

A esta liña poderán optar os autónomos e os traballadores por conta allea que experimentaran unha merma nos seus ingresos a consecuencia de ser incluídos nun ERTE, ou tido necesidade de solicitar excedencia ou redución de xornada para a atención de fillos menores de 12 anos aos que lles tivera afectado o peche dos centros educativos con motivo da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19.

O Concello aportará unha contía fixa de 100 €, que se incrementará a 150 se foran 2 fillos ao cargo ou a 175 € se foran 3 ou máis fillos a cargo.

Estas  dúas liñas de axudas, que non son excluíntes entre si, estarán plasmadas nunhas bases, que se aprobarán nos vindeiros días e, de xeito inmediato, publicaranse no BOP abríndose, a continuación, un prazo de 20 días para que se presenten as solicitudes.

Audios

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre a acollida das medidas por parte do empresariado | Descargar mp3
  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre as axudas á conciliación | Descargar mp3
  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre as axudas do Reanima Lugo | Descargar mp3
  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre o exemplo da axuda | Descargar mp3
  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre os posibles escenarios | Descargar mp3

Noticias relacionadas