Lara Méndez leva a oferta de Lugo á maior feira de turismo de proximidade de Galicia e Portugal

A rexedora e presidenta do Eixo Atlántico participou na inauguración da VII edición de Expocidades, que acolle o municipio de Valongo dende hoxe e ata o vindeiro domingo.

Lugo contará cun stand propio no que se promoverán os tres patrimonios da humanidade, a riqueza natural e paisaxística da cidade, o legado romano ou a súa oferta gastronómica.

“O noso municipio conxuga todos os ingredientes para estar na primeira liña das redes do turismo de calidade e non masificado”, subliñou Méndez.

Mércores, 06 de setembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez leva a oferta de Lugo á maior feira de turismo de proximidade de Galicia e Portugal

A alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, participou este mércores na inauguración da VII edición de Expocidades, a maior feira de turismo de proximidade de Galicia e Portugal, que terá lugar no Parque Urbano de Ermesinde, no municipio de Valongo, dende hoxe e ata o vindeiro domingo, 10 de setembro, organizada pola entidade transfronteiriza.

Na inauguración tamén participaron os secretarios de Estado portugueses Nuno Fazenda, Secretário de Estado do Turismo, Comércio e Serviços; e Isabel Ferreira, Secretária de Estado de Desenvolvemento Regional; así como o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; e o alcalde de Valongo, José Manuel Ribeiro.

A feira contará nesta edición con 30 expositores, cubrindo así a totalidade do territorio da Eurorrexión, co obxectivo de impulsar un turismo de proximidade de calidade e centrado na saúde, natureza, patrimonio e gastronomía, ao tempo que se busca desestacionalizar a oferta.

“Lugo contará cun stand propio a través do que buscaremos promover os nosos tres patrimonios da humanidade, así como as múltiples posibilidades do municipio a nivel de turismo natural e de experiencias, poñendo ao mesmo tempo en valor o noso legado romano e a nosa oferta gastronómica de primeiro nivel, sen esquecernos das novas dotacións que estamos a impulsar para os veciños e veciñas da cidade e as persoas que nos visitan, como poden ser as Caldas do Miño”, explicou a rexedora.

Méndez lembrou tamén a recente posta en marcha dun Plan de Turismo Sostible, para o que o executivo local conseguiu 2 millóns de euros de fondos europeos ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, co que se ampliarán as dotacións da contorna fluvial coa creación dun Centro de Enogastronomía na Fábrica da Luz. E, por outra banda, puxo en valor a consecución do distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional do Arde Lvcvs, que este ano celebrou a súa 22ª edición; e a consolidación do Caudal Fest como un dos festivais de música referentes do noroeste peninsular.

Así mesmo, outras das actuacións nas que está a traballar o executivo de Méndez, a través da estratexia DUSI Muramiñae, son a recuperación e posta en valor da cloaca romana do barrio do Carme, unha infraestrutura con preto de 1.700 anos de antigüidade que, trala conclusión dos traballos, pasará a ser visitable pola cidadanía; ou a creación do primeiro coliving artístico de España ao pé do Camiño Primitivo, co obxectivo de impulsar a cultura e o turismo de experiencias vinculado a este itinerario xacobeo.

“Lugo conxuga todos os ingredientes para estar na primeira liña das redes do turismo de calidade e non masificado: a historia, o patrimonio, a riqueza natural, a gastronomía ou as alternativas de ocio e lecer atraen a visitantes de proximidade, pero tamén do mundo enteiro, e nesa liña estamos a traballar dende o Concello para que cada vez máis personas nos visiten e gocen do noso municipio”, remarcou a rexedora.

VII edición de Expocidades

A VII edición da Feira Expocidades, organizada polo Eixo Atlántico, terá lugar no Parque Urbano de Ermesinde, no municipio de Valongo, do 6 ao 10 de setembro.

Nesta edición, por primeira vez, Expocidades integrarase tamén coa Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico, un evento que vén organizando desde hai unha década en diferentes cidades e que conta coa participación de produtores tradicionais e de excelencia de Galicia e Norte de Portugal.

Este programa forma parte das actuacións do Eixo Atlántico para impulsar o desenvolvemento económico e fixar poboación nos territorios de menor densidade demográfica. Igualmente, nesta ocasión, a feira de turismo celébrase conxuntamente con Expoval - Mostra do Concello de Valongo que, na súa 15ª edición e baixo o tema “Valongo, Serras do Porto”, pretende promover un novo concepto de emprendemento e de afirmación territorial.

A Feira Expocidades contará tamén cunha zona de degustacións cun amplo programa, que permitirá que ademais de coñecer os lugares de interese das cidades do Eixo Atlántico, os visitantes poidan probar os seus produtos gastronómicos.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a VII edición da Feira Expocidades | Descargar mp3
 

Multimedia

  • Lara Méndez leva a oferta de Lugo á maior feira de turismo de proximidade de Galicia e Portugal

Noticias relacionadas