Lara Méndez lanza unha campaña para sensibilizar sobre o consumo e a venda responsable de alcol entre a mocidade

A Alcaldesa de Lugo amosou a preocupación do Concello polas idades cada vez máis temperás coas que os mozos e mozas comezan a beber alcol, e lembrou que “frear esta situación nos debe implicar a toda a sociedade”.

A través desta campaña, se aborda coa xuventude os riscos do alcol sobre a súa saúde a curto e longo prazo, e cos hostaleiros a súa implicación para atallar o problema.

Martes, 20 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez lanza unha campaña para sensibilizar sobre o consumo e a venda responsable de alcol entre a mocidade

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, presentaron hoxe ‘A túa saúde’, unha nova campaña de sensibilización sobre a venda e o consumo de alcohol na mocidade.

A rexedora lembrou que en Galicia a idade media de inicio no consumo do alcol está nos 13,4 anos, e que e entre os 12 e os 18 anos o consumiron algunha vez na súa vida un 58,7 % dos mozos, “cifras moi preocupantes xa que vemos que a xente comeza a beber en canto inician as súas saídas, moi influenciados pola contorna social, polo que frear esta situación nos ten que implicar a toda a sociedade”.

Neste senso, incidiu en que “é importante atrasar o consumo o máximo posible. Non debemos banalizar a situación xa que en Europa, o consumo de alcol é considerado o terceiro factor de risco de enfermidade e morte prematura, só superado polo tabaco e a hipertensión arterial”.

Méndez destacou que “para o Concello, este é un tema que nos preocupa especialmente, e por iso desenvolvemos accións de prevención en idades temperás. Todos os estudos indican, ademais, que se o inicio dos adolescentes no consumo de alcol é máis temperán, tamén o será o de tabaco, cannabis ou cocaína”.

Acompañada polo presidente da Asociación dos Hostaleiros (APEHL), Cheché Real, e os hostaleiros Manuel Fernández, Juan Agra e Daniel Romay, aos que a rexedora agradeceu a súa implicación, Méndez anunciou que a campaña en marcha trata, por unha banda, de sensibilizar á mocidade con información para que coñezan os riscos do consumo de alcol e as súas consecuencias negativas na saúde a curto e longo prazo, e por outra, aborda co sector a venda responsable de alcol desde os seus establecementos e como actuar ante situacións de intoxicación por parte da clientela.

A campaña enmárcase na programación do +Xti, desenvolvida desde a área de Xuventude e subvencionada polo Plan Nacional de Drogas, desde onde tamén se promoven alternativas de lecer divertidas e diferentes durante todo o ano, máis vinculadas con hábitos de vida saudable como o deporte, a cultura e a formación.

Durante o acto, Cheché Real destacou o acerto por parte do Concello de implicar á hostalería nesta campaña de sensibilización e prevención do consumo de alcohol en menores.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a campaña de sensibilización | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez lanza unha campaña para sensibilizar sobre o consumo e a venda responsable de alcol entre a mocidade
  • Lara Méndez lanza unha campaña para sensibilizar sobre o consumo e a venda responsable de alcol entre a mocidade

Noticias relacionadas