Lara Méndez impulsa o movemento cidadá ‘Localmente Lucense’ para dinamizar os barrios a través do fomento das compras de proximidade

A alcaldesa, xunto á edil de Desenvolvemento Local, presentou esta iniciativa para a que o Concello destina preto de 1 millón de euros.

A rexedora defendeu a “aposta por potenciar o orgullo do noso, dos nosos comercios e hostalería porque a recuperación da economía comeza na porta das nosas casas”.

A programación, que deu comezo hoxe e durará todo o 2022, inclúe actuacións para darlle vida aos os barrios todo o ano e accións de modernización e consolidar e empresas.

O Concello estableceu cinco agrupacións de barrios, cada unha cunha identidade propia e unha imaxe icónica, co fin de “declarar loucura polos nosos e polo que nos rodea”.

A iniciativa,  englóbase na Estratexia Global de Recuperación Económica, xunto con iniciativas como a estratexia Lugo Transforma de 12 millóns para atraer empresas a Lugo.

Dotarase de novos medios aos emprendedores dos espazos municipais da zona da Tinería e do Centro de Emprendemento CEI-Nodus para incrementar as súas vendas.

Elaborarase o primeiro estudo sobre as potencialidades do rural lucense para fomentar a economía verde, circular e sustentable, de acordo coas liñas estratéxicas do Goberno local.

Venres, 17 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez impulsa o movemento cidadá ‘Localmente Lucense’ para dinamizar os barrios a través do fomento das compras de proximidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da tenente de alcaldesa e edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana Abelleira, presentou este venres na rúa Quiroga Ballesteros, a carón da Praza de Abastos, a nova campaña de dinamización da cidade posta en marcha polo executivo municipal baixo o título Localmente Lucense.

Lara Méndez explicou que se trata dunha campaña que nace para impulsar a economía dos barrios da Lugo, a través de fortalecer e incentivar a compra nos comercios e na hostalaría de proximidade. “Non podemos esquecer que só estando ao lado dos nosos veciños, os que viven e crean traballo cos seus pequenos negocios, coas súas tendas, restaurantes, bares e outros establecementos, poderemos manter con vida os espazos nos que vivimos e vemos crecer aos nosos fillos”, subliñou.

“As pequenas empresas son a columna vertebral da nosa economía, xa que forman parte da identidade dos barrios achegándolles unha riqueza e valores insubstituíbles. Esta crise está a afectarlles con dureza e por iso, desde o Concello de Lugo queremos impulsar esta campaña para animar á xente a consumir e a coñecer ás pequenas empresas das súas contornas”, apuntou.

A rexedora avanzou que “o obxectivo é crear o movemento cidadá ‘Son Localmente Lucense’ que abandere un sentimento de orgullo e defensa do noso, da vida dos nosos barrios, porque temos que defendela entre todos sendo conscientes de que a recuperación da economía comeza na porta das nosas casas”. Con este obxectivo, a campaña que hoxe dá comezo e que durará todo o ano 2022, combinará unha ampla oferta de lecer e entretemento por barrios con formación específica e asesoramento dirixido a locais comerciais e de hostalería para que resulten máis atractivos.

Esta campaña, para a que o Concello destina preto dun millón de euros, enmárcase na Estratexia global de dinamización, reconstrución e reactivación da economía de Lugo que puxo en marcha Lara Méndez para paliar as consecuencias da crise provocada pola Covid-19. A alcaldesa explicou que “no lema xogamos coa idea de “local” e “lucense” para trasladar confianza, ilusión e aposta firme no noso. Utilizando o adverbio “localmente” que se forma con “local+mente”, proxectamos e difundimos unha conciencia de consumo local, ou consumo km0, un factor importante para un desenvolvemento sostible de calquera municipio”.

A campaña divídese en dúas grandes programacións:

  1. Un plan de dinamización que se desenvolverá por cinco zonas da cidade (653.400 euros)
  2. Un plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial (326.700 euros).

“Para conseguir a maior cobertura posible creamos cinco agrupacións de barrios (zonas de actuación). Cada área conta cunha imaxe icónica que a representa e que se corresponde con algún elemento arquitectónico moi recoñecible”, explicou a rexedora. Estas son as seguintes:

  • Zona 1 (Centro): Formada polos barrios do casco histórico e A Tinería. Esta área, a máis antiga da cidade e rodeada pola muralla romana, aspira a converterse no cuarto patrimonio da humanidade da cidade. A súa icona é unha porta da Muralla Romana.
  • Zona 2 (Norte): Composta polos barrios de Albeiros, Garabolos, A Milagrosa, Avenida da Coruña e Barrio Feijoo. Estes barrios forman a zona máis multicultural de Lugo, exemplo de convivencia. A súa icona é a Igrexa da Milagrosa.
  • Zona 3 (Este): Esta área, que conxuga tradición e modernidade, está formada polos barrios da Cheda, A Ponte, Anxo Carro, A Piringalla, A Residencias, Casás, Louzaneta e O Castiñeiro. A súa icona é a Ponte de orixe romana sobre o río Miño.
  •  Zona 4 (Sur): Formada polos barrios de Acea de Olga, Augas Férreas, Fingoi, Montirón, Paxariños, Ramón Ferreiro, Recatelo, San Fiz e San Roque, nesta área teñen as súas casas estudantes universitarios, familias novas que mercaron aquí a primeira residencia e veciños de toda a vida. A súa icona son os pináculos do Parque de Rosalía.
  • Zona 5 (Oeste): Finalmente, os barrios da Chanca, Paradai, Castelo, A estación, As Gándaras, Fontiñas, Galegos e Sagrado Corazón conforman un importante núcleo comercial, empresarial e de comunicacións. A súa icona é o Viaduto da Chanca.

(Máis información da identidade de cada un dos barrios, na web da campaña: https://localmentelucense.gal/).

A rexedora avanzou que a vindeira semana comezarase unha campaña de difusión do plan en todos os barrios.

Actuacións da campaña

1.- Accións de apoio á hostalería e ao comercio da zona: tardeos, noiteos, con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento.

Coa finalidade de encher de vida estas zonas, realizaranse programas de lecer de forma periódica como os tardeos e noiteos, que tanto éxito obtiveron o pasado ano, con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento.

Os tardeos e noiteos terán carácter mensual. Para o caso dos tardeos nun horario entre as cinco e as oito da tarde, con actuacións de animación para nenos, pasarrúas, actividades recreativas e xogos infantís, talleres para nenos, decoración dos barrios e actuacións musicais con DJ´S. Os noiteos realizaranse entre as dez e as doce da noite, comprendendo cada un dos mesmos un espectáculo ou actuación/concerto musical.

2.- Potenciarase a plataforma de comercio electrónico: formación e dixitalización do comercio e a hostalería.

Potenciarase a plataforma de comercio en liña e porase en marcha un proceso de formación e dixitalización do pequeno comercio e da hostalería, con asesoramento e acompañamento nas redes sociais, fomentando a imaxe de marca, o comercio electrónico, o uso de plataformas electrónicas e repartidores locais. A formación irá dirixida a todos os comerciantes e hostaleiros da cidade que queiran participar.

3.- Campañas estacionais e en datas sinaladas: Samaín (Halloween), San Valentín, Nadal, rebaixas de inverno e de verán.

As campañas consistirán na realización de actuacións de promoción, divulgación e sensibilización, para fomentar o consumo na hostalería e as vendas nos comercios, para que os cidadáns acudan aos seus locais de negocio, consuman e compren. As campañas deberán ser personalizadas e adaptadas, e recollendo a idiosincrasia de cada unha das zonas de actuación.

4.- Formación e asesoramento “in situ” sobre escaparatismo-iluminación e packaging:

Prestarase dita formación/asesoramento a un mínimo de 100 establecementos comerciais/ hostaleiros interesados por zona de actuación.

5.- Organización de mercadiños nas rúas fomentando a dinamización dos barrios.

Estes mercadiños, como o San Pedrín ou a Milagrosiña, desenvolveranse con carácter trimestral en cada zona de actuación, sendo catro os mercadiños para realizar por cada zona. Para amenizar a celebración dos mesmos, promoveranse durante os días da súa celebración a organización de concursos, con premios, así como diferentes actividades infantís: obradoiros, actuacións teatrais e musicais dirixidas ás crianzas.

Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial

Co obxectivo de revitalizar o tecido empresarial e apoiar aos emprendedores, desenvolverase un plan de acción, cuxos eixos principais serán os viveiros municipais do Cei Nodus e da Tinería. Trátase de que os viveiros municipais se convertan en centro de desenvolvemento de negocios, fomentándose os encontros co tecido empresarial xa consolidado, así como canalizando sinerxías, de interese para todos os emprendedores e empresarios. Este plan inclúe:

1.- Actividades de formación para a difusión da cultura emprendedora e a consolidación empresarial.

Realización de charlas de alto impacto, así como formación sobre contidos relacionados coa xestión empresarial, especialmente coas vendas, comunicación, marca, márketing dixital, comercio electrónico, etc. Realizaranse 12 charlas de alto impacto de 5 horas de duración cada unha, así como 60 pílulas formativas de 10 horas de duración cada unha.

2.- Actividades de networking e actuacións específicas para o empoderamento empresarial.

As actividades para realizar consistirán en:

  • Realización de almorzos de negocios co fin de establecer relacións de networking entre os emprendedores. Os mesmos terán carácter mensual, facilitando desta maneira os encontros entre os emprendedores dos viveiros de empresas municipais do Cei-Nodus e A Tinería.
  • Xornadas de portas abertas nos viveiros de empresas municipais do CEI-Nodus e A Tinería co obxectivo de dar a coñecer os devanditos viveiros á cidadanía en xeral, e dirixidas sobre todo a aqueles emprendedores/as futuro/as.
  • Día internacional do emprendemento: conlevará a organización de actividades de dinamización nos viveiros de empresas municipais dirixidas a emprendedores en xeral, tales como concursos, posta en escena dos proxectos gañadores e dos diferentes participantes dunha forma atractiva e innovadora para que sirvan de demostración e incentiven dese xeito o emprendemento.
  • Cinema ao aire libre no Cei-Nodus e na Tinería: realizaranse as actividades de cinema ao aire libre no Cei-Nodus e na Tinería en catro días distintos.

3.- Accións de dinamización específicas para o desenvolvemento económico e social do barrio da Tinería:

  • Actuacións musicais con grupos locais para fomentar a cultura local: 4 actuacións (unha en cada estación do ano).
  • Eventos gastronómicos: 4 eventos (un en cada estación do ano) con concursos de tapas e de pratos orixinais, que combinen innovación con tradición, nos diferentes establecementos de restauración do barrio.
  • Recreacións históricas: 4 recreacións (unha en cada estación do ano), non só romanas senón tamén medievais, de tal forma que participen os establecementos de artesanía (coiro, vestiarios), salóns de peiteado, etc.
  • Actividades infantís: 4 actividades (unha en cada estación do ano), con concursos para crianzas, talleres, teatro, xogos infantís.

4.- Estudo-Campañas de márketing e venda cruzada para fomentar o incremento de vendas nos viveiros municipais do Cei Nodus e A Tinería:

Elaboración dun estudo individualizado e pormenorizado de, polo menos, 50 empresas, instaladas nos viveiros municipais do Cei Nodus e da Tinería, así como das participantes no Coworking do Concello, co fin de axudarlles a impulsar a súa capacidade de venda a través de campañas de márketing e fomentar a venda cruzada ou cros-selling.

5.- Mercadiños nos viveiros de empresa municipais: Cei- Nodus e A Tinería

Desenvolveranse co fin de que os emprendedores instalados nos viveiros de empresas municipais, poidan mostrar os seus propios produtos, dunha maneira tanto presencial como virtual. Para iso realizaranse 4 mercadiños en cada un dos viveiros de empresa municipais, un en cada estación do ano. Para amenizar a celebración dos devanditos mercadiños, promoveranse a organización de concursos, así como diferentes actividades infantís: talleres, actuacións teatrais e musicais dirixidas ás crianzas, así como actuacións musicais para todos os públicos. Tamén se ofrecerá transporte gratuíto.

6.- Elaboración dun estudo específico sobre a zona rural do municipio

Realizarase o primeiro estudo específico sobre a zona rural do municipio de Lugo, facendo especial fincapé no desenvolvemento de actividades emprendedoras e empresariais no medio rural, en consonancia coas liñas estratéxicas do Goberno de Lara Méndez en relación á economía verde, economía circular, a sustentabilidade, enerxías alternativas, a optimización de recursos, o cooperativismo e a xeración de emprego.

Este estudo relativo ás parroquias de Lugo analizará nos devanditos territorios, cando menos: a comercialización de produtos, a formación, as TICs, networking e negocios, marca e imaxe corporativa, comunicación e redes sociais e actividades ou eventos a realizar.

7.- Congreso sectorial para posicionar a Lugo como un referente internacional:

Como colofón destas actuacións, organizarase un congreso internacional na cidade de Lugo relacionado co emprendemento, buscando que sexa un referente no que expor novos retos, ofrecer solucións, analizar casos de éxito e dotar das ferramentas necesarias a profesionais e aos que poden chegar a ser, para que aproveiten as oportunidades da contorna local a través dun emprendemento sostible.

Tralo acto de presentación, tivo lugar unha sesión vermú co DJ Fetén, e xa en horario de tarde tamén están programadas sesións de maxia co Mago Roberto Lolo (18:00 horas), un concerto de Carta de Ajuste (20:30 horas) e a actuación dos DJ’s Marcos Peón e Fresno dende as 22:00 horas e ata a media noite.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre o movemento cidadá ‘Localmente Lucense’ | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez impulsa o movemento cidadá ‘Localmente Lucense’ para dinamizar os barrios a través do fomento das compras de proximidade
  • Lara Méndez impulsa o movemento cidadá ‘Localmente Lucense’ para dinamizar os barrios a través do fomento das compras de proximidade
  • Lara Méndez impulsa o movemento cidadá ‘Localmente Lucense’ para dinamizar os barrios a través do fomento das compras de proximidade
  • Lara Méndez impulsa o movemento cidadá ‘Localmente Lucense’ para dinamizar os barrios a través do fomento das compras de proximidade
  • Lara Méndez impulsa o movemento cidadá ‘Localmente Lucense’ para dinamizar os barrios a través do fomento das compras de proximidade
  • Lara Méndez impulsa o movemento cidadá ‘Localmente Lucense’ para dinamizar os barrios a través do fomento das compras de proximidade
  • Lara Méndez impulsa o movemento cidadá ‘Localmente Lucense’ para dinamizar os barrios a través do fomento das compras de proximidade
  • Lara Méndez impulsa o movemento cidadá ‘Localmente Lucense’ para dinamizar os barrios a través do fomento das compras de proximidade
  • Lara Méndez impulsa o movemento cidadá ‘Localmente Lucense’ para dinamizar os barrios a través do fomento das compras de proximidade

Noticias relacionadas