Lara Méndez forma parte do Consello Territorial da FEMP e súmase a reivindicación dun novo modelo de financiamento local para que os concellos poidan gastar os remanentes

A alcaldesa de Lugo participou hoxe no Pleno da Federación Española de Municipios e Provincias, onde se fixaron as liñas de acción do municipalismo do mandato

Sábado, 21 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez forma parte do Consello Territorial da FEMP e súmase a reivindicación dun novo modelo de financiamento local para que os concellos poidan gastar os remanentes

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, formará parte do Consello Territorial da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que hoxe celebrou en IFEMA (Madrid) a súa XII edición plenaria para renovar os órganos de goberno da entidade despois das eleccións municipais, e onde se marcaron as liñas de acción do municipalismo deste novo mandato.
 
O Consello Territorial  é o órgano de máxima autoridade durante o período de catro anos que transcorre entre a celebración dos Plenos ordinarios.
 
Na xornada, na que se acreditaron máis de 5.400 entidades locais de toda España, aprobáronse unhas 300 propostas de resolución e acordouse a reivindicación, que a alcaldesa de Lugo leva tempo tamén solicitando, dun novo modelo de financiamento local que de maior autonomía aos concellos e unha normativa que lles permita maior flexibilidade na xestión dos seus recursos e a posibilidade de gastar os seus remanentes nos seus propios municipios, que no caso de Lugo ascenden a máis de 20 millóns despois da última modificación de crédito.
 
Os concellos teñen 40.000 millóns de euros de remanentes. Outro dos datos importantes, que destacou o presidente da FEMP, Abel Caballero, é que un 63% dos recursos dos concellos proceden de ingresos municipais. Ante isto, Lara Méndez sostén que “debemos esixir unha maior autonomía de actuacións das administracións locais”.   
 
Tamén acordouse instar a que as transferencias de competencias aos gobernos locais por parte das comunidades autónomas vaian sempre acompañadas de dotación de financiamento.
 
Na apertura do Pleno participou o Ministro de Agricultura, Pesca, Alimentación e Política Territorial, Luis Planas, o presidente da FEMP, Abel Caballero, que revalida no cargo, e o Alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, entre outras autoridades.

Multimedia

  • Lara Méndez forma parte do Consello Territorial da FEMP e súmase a reivindicación dun novo modelo de financiamento local para que os concellos poidan gastar os remanentes

Noticias relacionadas