Lara Méndez: “A explotación sexual representa unha forma de escravitude que utiliza ás mulleres máis vulnerables”

O Concello de Lugo, celebraba hoxe, o foro baixo o título de "Xornada sobre a trata de mulleres con fins de explotación sexual: situación e actuación en Lugo e retos de futuro".

Méndez salientou o “compromiso” do Goberno coa igualdade real entre mulleres e homes e a erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres.

Venres, 23 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez:  “A explotación sexual representa unha forma de escravitude que utiliza ás mulleres máis vulnerables”

O Salón de actos da Facultade da Formación do Profesorado acollía esta mañá, con motivo do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas, unha xornada sobre esta temática, organizada a través da Concellería de Muller e Igualdade, na que a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez manifestaba que “trata e explotación sexual representan unha forma de escravitude que utiliza ás persoas en situación de maior vulnerabilidade como simple mercadoría”, salientando o “compromiso” do Goberno coa igualdade real e facendo fincapé en que “é unha manifestación máis da situación de desigualdade e de indefensión na que se atopan as mulleres e que constitúe unha clara violación dos dereitos humanos”.

Un encontro que estivo dirixido ao público en xeral, inaugurado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, no que tamén participaron a Concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, quen foi a encargada de moderar a primeira mesa redonda: “Trata, explotación sexual e dereitos humanos”; Pablo González, representante da Comisión de Xénero da Facultade do Profesorado e Marta Pérez, Delegada do Reitor da USC para a Igualdade.

Segundo a ONU, en España, o 39% dos homes en idade adulta afirma que pagou nalgunha ocasión por manter relacións sexuais e máis do 80% das mulleres que exercen a prostitución en España fano en contra da súa vontade e baixo redes de trata. "Nin unha soa muller debería pasar por este inferno nin soportar esta terrible forma de escravitude", destacou Méndez apuntando que este non é un problema alleo a Galicia onde “no ano 2020, localizáronse nove vítimas, e que supón un incremento con respecto aos anos 2016 e 2018”.

Ante iso, puxo en valor o traballo “constante” da Concellería de Muller e Igualdade co propósito de visibilizar problemas que non son alleos á cidadanía, “en consonancia tamén co IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Lugo, que recolle as estratexias e a folla de ruta, para acadar unha cidade respectuosa, feminista e cun modelo de convivencia que se basea na igualdade de oportunidades para a muller”.

"As mulleres non somos mercadoría, somos seres humanos", insistía Méndez destacando que “vemos a prostitución como unha forma máis de violencia de xénero totalmente integrada con trata de mulleres, que afecta cada ano a unhas 2.500.000 persoas. É un problema que habita nas nosas cidades".

Xa en sesión de tarde, dende as 17.00 horas, proxectarase o documental Putadaguapa, un proxecto audiovisual protagonizado por estudantes entre 16 e 18 anos que falan, sen tabús, de temas que van dende a trata de seres humanos ata a súa relación co porno e a necesidade dunha mellor educación afectivo-sexual nos centros educativos.

Seguidamente a secretaria xeral de Cáritas Lugo, Mónica Yáñez, moderará a terceira e última mesa redonda da xornada: “Cara un final da trata e a explotación sexual das mulleres”, na que participará o responsable territorial en ACCEM Galicia, Daniel Bóveda, a axente de igualdade de Aliad-Ultreia, Mónica Gónzález e a presidenta da Asociación Bonhomía,  Fany Sánchez. O acto de clausura poñerá o broche de ouro a esta cita, que nace con vocación de permanecer no tempo.

Noticias relacionadas