
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou esta tarde na primeira xornada dunha nova edición, a 24ª, da tradicional Feira do Campo e Artesanía de San Isidro que se celebra esta fin de semana no barrio da Milagrosa.
Un evento que, debido á situación de pandemia que aínda se mantén, tivo que pospoñerse varios meses con relación ao calendario habitual e que obrigou a reducir o número de expositores.
“O que non impide que se trate dunha cita moi importante para a cidade, en tanto axudará a dinamizar a economía local ao tempo que se trata dunha ocasión excepcional para poñer en valor as nosas orixes rurais e para enxalzar e difundir a calidade dos produtos da terra”, destacou a rexedora.
Lara Méndez convidou ás e aos lucenses a visitar os stands, nos que se dan cita ao redor de 40 vendedores de toda Galicia e Oviedo, “pero tamén a participar da programación organizada na que se inclúen actuacións musicais, exhibicións de artesanía e degustación de produtos, sempre con todas as garantías sanitarias”, sinalou.
A rexedora quixo enviar, ademais, unha felicitación “dirixida a toda a veciñanza da Milagrosa pero, tamén e, sobre todo, ás persoas organizadoras do evento polo esforzo, cariño e dedicación que invisten encada edición e, a pesar das circunstancias,para consolidalo como a maior feira urbana de toda Galicia”, concluíu Méndez.