A alcaldesa de Lugo e a concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, entregan agasallos de ‘Mulleres con Forza’ aos nenos e nenas do programa Aprende Xogando

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, visitaron no Centro de Convivencia Maruja Mallo aos nenos e nenas que están a participar en Aprende Xogando, programa de conciliación familiar organizado polo Concello de Lugo.
A visita fíxose coincidir coa proximidade do 8-M para entregarlles aos pequenos agasallos de ‘Mulleres con Forza’, a marca de cidade impulsada polo Executivo de Lara Méndez no mandato pasado para visibilizar o apoio dos e das lucenses á loita pola igualdade. “A arma máis potente contra as violencias machistas é a educación en igualdade”, destacou a rexedora.
Lara Méndez contestou preguntas dos cativos, de idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, que se amosaron moi interesados polo traballo que realiza unha alcaldesa, e tivo a ocasión tamén de xogar con eles.