Lara Méndez deseña coa Policía Local os dispositivos de vixilancia para controlar a ocupación das terrazas de hostalería

Esta mañá a rexedora e o Intendente Xefe do Corpo destinaron boa parte da súa reunión semanal a planificar as tarefas de supervisión que se levarán a cabo para garantir que se respecta a accesibilidade en todas as rúas.

A alcaldesa anunciou o pasado venres que concede unha prerrogativa ao sector para manter as instalacións actuais, sempre que non superen a ocupación autorizada e que esta non afecte ao tránsito peonil nin á súa seguridade.

Logo dunha exención de tres anos para paliar os efectos da pandemia, en 2023 os establecementos deberán abonar a taxa municipal que se mantén como unha das máis accesibles de todas as grandes capitais galegas.

Martes, 03 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez deseña coa Policía Local os dispositivos de vixilancia para controlar a ocupación das terrazas de hostalería

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Inspector Xefe da Policía Local, Jesús Piñeiro, concretaron esta mañá os detalles dos dispositivos de vixilancia que o Concello está a desenvolver para garantir que as terrazas de hostalaría se axusten ao espazo que teñen concedido e non causen prexuízo á convivencia cidadá.

O operativo obedece á necesidade de garantir que este tipo de instalacións non superan a ocupación autorizada nin afectan á seguridade peonil, logo de que a rexedora anunciara, o pasado venres, unha prerrogativa ao sector para mantelas co fin de paliar os complexos momentos económicos derivados da suba da inflación e poder manter, así, os postos de traballo e as economías familiares ás que sustenta.

Desde xeito, Lara Méndez avanzou que axentes do Corpo supervisarán con rigorosidade que se respecten as delimitacións establecidas. “Un labor que se intensificará e no que cotexarán as dimensións sinaladas nas autorizacións co espazo real que acaparan na vía, evitando excesos indebidos que comprometan a protección das e dos viandantes e mesmo o acceso aos inmobles”, afirmou.

A alcaldesa recordou que a medida terá carácter extraordinario e temporal, mentres non entra en vigor a nova Ordenanza que regulará a homoxeneización das terrazas, cuxa elaboración se atopa xa moi avanzada.

E tal e como xa anunciara tamén en días pasados, a rexedora incidiu de novo en que en 2023 se retoma o cobro da taxa municipal correspondente, despois de tres anos de exencións en apoio do empresariado local.

A cota de Lugo é unha das máis económicas das grandes capitais galegas, tras actualizarse o estudo de custos polo que se rexe e no que tamén se tivo en conta o contexto financeiro actual.

Segundo as novas tarifas, a partir do 1 de xaneiro deste exercicio, a hostalaría lucense pasará a abonar polas terrazas que instalen na vía pública 30’84€ ano/m² cando se trate de rúas con clasificación de 1ª categoría, 16’50€ ano/m² as de 2ª e 9’48€ ano/m² as de 3ª.

1º Categoría

LUGO

A CORUÑA

SANTIAGO

PONTEVEDRA

OURENSE

Ano/m²

30’84€

37’5 €

43’27 €

42’32 €

47’62 €

 

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre os dispositivos de control de terrazas | Descargar mp3

Noticias relacionadas