Lara Méndez celebra a apertura do novo CEIP Sagrado Corazón, unha vella demanda veciñal e da comunidade educativa

O alcaldesa de Lugo lembra que o Concello puxo a disposición da Xunta de Galicia os terreos para a súa execución no 2016 e que executou a urbanización das instalacións.

O Concello destina neste 2021 máis de 3,5 millóns de euros no mantemento dos centros educativos e nos comedores escolares, estes últimos sen ser competencia municipal.

A rexedora alabou o responsabilidade de mestres e alumnos durante a pandemia, “onde os máis cativos mantiveron un comportamento exemplarizante”.

Méndez aproveitou á presenza do presidente Feijóo para lembrarlle o compromiso de traballar xuntos na execución dun novo centro de saúde neste barrio.

Luns, 06 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez celebra a apertura do novo CEIP Sagrado Corazón, unha vella demanda veciñal e da comunidade educativa

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou esta mañá, xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o profesorado do centro as instalacións do novo colexio do Sagrado Corazón, dotación que comeza a súa andadura este curso escolar e que é unha vella reivindicación veciñal e da comunidade educativa. Tamén acudiron os tenentes de alcaldesa Paula Alvarellos e Miguel Fernández.

A rexedora lembrou que “desde o Concello puxemos a disposición da Xunta, xa no verán de 2016, unha parcela de 10.000 metros cadrados para que puidese comezar a obra, terreos que acadamos a través de 7 acordos urbanísticos e da expropiación de 1.269 metros cadrados, e desenvolvimos a urbanización das instalacións, coa mellora das vías da contorna Venancio Senra, Pradairo e Nogueira”.

Agora, a Executivo local farase cargo do mantemento do novo CEIP do Sagrado Corazón. Neste senso, Méndez destacou que o Goberno de Lugo destina este ano máis de 3,5 millóns na atención dos centros educativos e garderías, “tanto en competencias que nos son propias, como é o mantemento, como en aquelas que deberían de corresponder á Xunta, como son algúns dos comedores escolares, pero que asumimos para poder dar un servizo ás familias de Lugo e facilitar a conciliación”.

Lara Méndez puxo en valor a necesidade da colaboración entre administracións, “como é o caso deste novo CEIP, o primeiro que se constrúe en Lugo en 30 anos, “porque só traballando xuntos daremos resposta ás demandas da cidadanía”.  

Méndez aproveitou a ocasión para felicitar a todos os mestres e profesores que cada día forman e educan aos nenos e novos, un recoñecemento ao seu labor que nestos tempos se fai máis especial debido á complicada situación vivida coa pandemia de COVID-19. “Mestres e profesores que se reinventaban ao enfrontarse a unha situación completamente descoñecida e que agora coa volta ás aulas volverán a demostrar o seu compromiso para garantizar un novo inicio de curso seguro para todos”. Neste sentido puxo en valor o comportamento dos alumnos e alumnas, os cales se adaptaron desde o principio á situación, con gran responsabilidade e acatando todas as normas sanitarias, cunha actuación exemplarizante.

A alcaldesa de Lugo aproveitou a visita para lembrarlle ao presidente da Xunta o compromiso adquirido de construír un novo centro de saúde para este mesmo barrio nas dependencias educativas que quedan baleiras, xa que “o actual centro de saúde non reúne as mínimas condicións esixibles xa que o ambulatorio atópase nos baixos de dous edificios do polígono, nun antigo almacén de Caixa Galicia dende hai 25 anos, a pesar de que esta localización se anunciou no seu día como algo provisional, unha situación que deriva en queixas e solucións improvisadas” apuntaba. O Concello xa mantivo varias reunións coa Xunta e Abanca para avanzar en este fin.

Historia

O Sagrado Corazón será o primeiro colexio que a Xunta constrúa en Lugo desde 1992, un edificio que dispón na súa planta baixa de seis aulas de educación, ximnasio, sala de usos múltiples, almacéns, zona de administración, sala de profesores e conserxería, e comedor. Na planta alta deseñáronse doce aulas de primaria e catro de apoio educativo, e unha biblioteca e outros servizos. No exterior hai aulas cubertas e descubertas, unha pista polideportiva cuberta e outra ao aire libre.

As obras de construción do CEIP Sacro Corazón iniciáronse en maio do 2019 e tiñan un prazo de execución de 16 meses. 

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o colexio do Sagrado Corazón | Descargar mp3
 

Multimedia

  • Lara Méndez celebra a apertura do novo CEIP Sagrado Corazón, unha vella demanda veciñal e da comunidade educativa

Noticias relacionadas