A Alcaldesa anunciou no Debate do Estado da Cidade que o Concello firmará un convenio coa Universidade de Santiago para lograr a catalogación de todo o casco histórico como Patrimonio da Humanidade
O Goberno dará continuidade ao proxecto Life, vinculado co uso dos recursos naturais como a madeira para fomentar un urbanismo sostible, co fin de dinamizar o emprego e a innovación tecnolóxica a través da economía verde
Méndez fixo un balance dos orzamentos deste ano, cun gasto consignado a día de hoxe que se eleva ao 89%, o 100% no caso do Plan de Barrios, que inclúe un cento de actuacións en toda a cidade
O Goberno local traballa nos Orzamentos do 2019 e a oposición, dixo, “deberá elixir entre investimentos para a cidadanía ou munición electoral contra o Goberno”

A Alcaldesa, Lara Méndez, avanzou durante o pleno de Debate do Estado da cidade que presentará aos fondos EDUSI de Europa o proxecto de zona verde que integrará na súa totalidade o sector urbanístico do Garañón co parque Rosalía de Castro e o Miño co fin de conseguir un novo gran pulmón verde en Lugo. O obxectivo, sostivo, é continuar co modelo sustentable impulsado no seu mandato, que aposta pola recuperación e creación de novos espazos verdes para o esparexemento da cidadanía.
A rexedora volveu lamentar a falta de apoio da oposición para modificar o PXOM co fin de que o sector CS-5, O Garañón, pase a ter a cualificación urbanística de zona verde sen edificacións, “o que terán que explicar á poboación”.
Tamén avanzou que dará continuidade ao proxecto europeo Life, vinculado co uso dos recursos naturais como a madeira para fomentar un urbanismo sostible, “co fin de dinamizar o emprego e a innovación tecnolóxica a través da economía verde, fomentando un New Deal Verde que premie e potencie a quen desexe coparticipar con nós na nosa estratexia de desenvolvemento sostible”.
Ademais, Lara Méndez anunciou que o Concello asinará un convenio coa Universidade de Santiago, a través do Centro de Estudos da Cidade, para traballar conxuntamente co obxectivo de ampliar a catalogación de Patrimonio da Humanidade a todo o casco histórico de Lugo.
A Alcaldesa avanzou estes proxectos de cidade tras realizar un balance da súa xestión este ano, no que, afirmou, o gasto consignado, segundo os datos facilitados polos servizo municipal de Tesourería elévase a día de hoxe ao 89% do total dos orzamentos 2018, o 100% no caso do Plan de Barrios, que inclúe un cento de actuacións en toda a cidade en materia de pavimentación, saneamento, abastecemento, accesibilidade e humanización.
Entre os anuncios lanzados no Pleno, a rexedora sostivo que o equipo de Goberno está xa a preparar os orzamentos do 2019 “e farémolo como sempre buscando consensos”, comentou. “O obxectivo é que o ano electoral non paralice a capacidade investidora da Administración local”, insistiu, e fixo un chamamento á oposición para que elixa “entre gobernanza ou bloqueo, entre investimentos para a cidadanía ou munición electoral contra o Goberno”.
Lara Méndez, que adiantou que se presentará ás eleccións, desenvolveu durante o debate un balance anual da súa xestión, onde se resolveron problemas históricos e se puxo impulsou un modelo de cidade “máis humano, máis accesible e máis sostible”.
Lembrou así mesmo todas as trabas da oposición á acción do Goberno, unha acción que se caracterizou por unha intensa labor de goberno de 8 edís socialistas en áreas que antes desenvolvían 13, fronte a 17 edís, “que se dedicaron a bloquear”. “Como é posible -engadiu- que dixeran non aos orzamentos e, sen embargo, cando levamos os proxectos como modificación de crédito os aprobasen? Só se explica por un afán de retrasar ditos proxectos”, cuestionou.