Lara Méndez anuncia un reforzo especial de vixilancia durante o San Froilán para garantir unhas festas patronais seguras

A alcaldesa e a Subdelegada do Goberno reuníronse esta mañá con responsables de todos os corpos de seguridade para concretar os operativos.

A Policía Local reforzará todos os turnos, especialmente durante os festivos e as fins de semana, concentrando até tres patrullas dentro do recinto feiral.

Tamén haberá un centro de control móbil conectado con varias cámaras de vixilancia situadas en todo o recinto feiral e zonas afectadas do centro histórico.

Luns, 25 de setembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia un reforzo especial de vixilancia durante o San Froilán para garantir unhas festas patronais seguras

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiron este luns no Salón de Plenos do Concello a Xunta Local de Seguridade con motivo da celebración do San Froilán, na que se abordou o dispositivo especial de vixilancia durante as festas patronais da cidade, que terán lugar do 4 ao 12 de outubro.

No encontro participaron a concelleira de Cultura, Tareixa Ferreiro, os redactores do Plan de Autoproteción das festas, así como responsables da Policía Nacional, da Policía Local, do Subsector de Tráfico da Garda Civil, do Corpo de Bombeiros, de Emerxencias, do servizo de Protección Civil municipal e da Policía Autonómica.

Lara Méndez avanzou que a Policía Local reforzará todos os turnos, especialmente durante os festivos e as fins de semana, poñendo en marcha un dispositivo especial de vixilancia que estará operativo dende as oito da mañá ata as seis da madrugada. “Dentro do recinto feiral concentraranse até tres patrullas, ás que se sumará outra máis dedicada a dirixir o tráfico e regular a circulación na contorna da Muralla en prol da seguridade vial; así mesmo, haberá de unha a tres patrullas na zona centro, en función da afluencia de persoas”.

Deste xeito, a partir do día 29, que comezará o funcionamento das atraccións e postos feirais, ata o día 12, ademais dos efectivos destinados á quenda ordinaria de traballo, dispoñerase unha media de catro patrullas no recinto feiral e outras tres na zona de influencia do mesmo, asegurando así o control, tanto interior como exterior, da venda ambulante non autorizada, as ocupacións de vía irregulares, seguridade do tránsito rodado e peonil, así como a protección cidadá.

“Ditos labores veranse reforzados, nos días e horas de maior afluencia de público, por un centro de control móbil, ao cargo dun axente policial, conectado con varias cámaras de vixilancia situadas en todo o recinto feiral e zonas máis sensibles do centro histórico”, explicou a rexedora, quen engadiu que “non se agardan afeccións relacionadas coas obras de peonalización do centro, aínda que se realizará un especial control para evitar atascos ou incidencias nas inmediacións”, apuntou.

Os axentes tamén dispoñerán de sonómetros móbiles, para realizar medicións diarias e puntuais, a distintas horas do día e da noite, ademais dos que serán instalados de forma permanente durante as datas indicadas e que se atopan monitorizados as 24 horas desde as dependencias policiais.

Lara Méndez destacou “a importancia da colaboración entre os distintos Corpos para desenvolver un operativo organizado e eficaz que permita realizar un control exhaustivo sobre as actividades programadas e velar pola seguridade de todas e todos os cidadáns, o que nos permitirá disfrutar coma sempre dunhas festas marcadas pola concordia e a convivencia”.

Pola súa parte, Isabel Rodríguez trasladou que, un ano máis, a Subdelegación cooperará co Concello de Lugo no despregamento do dispositivo de seguridade das festas para que as actividades e eventos programados se desenvolvan con total normalidade, a través da acción dos dispositivos da Policía Nacional, Garda Civil e o Subsector de Tráfico.

Adiantouse que haberá reforzos das patrullas nas zonas onde se concentran un maior número de persoas, así como controis e verificacións nos puntos de acceso da cidade e reforzo dos efectivos para garantir o normal desenvolvemento das festas.

A subdelegada tamén fixo un chamamento á cidadanía para que teñan unha actitude responsable e colaborativa, que permitirá un correcto desenvolvemento das festas.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a xunta local de seguridade, para o San Froilán 2023 | Descargar mp3

Noticias relacionadas