Lara Méndez anuncia o compromiso do Goberno Central de incluír a Lugo no Corredor Ferroviario de Mercadorías

A rexedora lucense mantivo esta mañá un encontro coa Secretaria de Estado de Infraestruturas no que aproveitou para incidirlle en que “a mellora das conexións co resto das capitais galegas é un obxectivo irrenunciable do Executivo local”.

A alcaldesa e Isabel Pardo de Vera concretaron tamén algúns aspectos relacionados coa construción da Estación Intermodal cuxo convenio se asinará, segundo avanzaron, de forma inminente.

Venres, 16 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia o compromiso do Goberno Central de incluír a Lugo no Corredor Ferroviario de Mercadorías

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe o compromiso do Goberno Central para incluír á cidade de Lugo no Corredor Ferroviario de Mercadorías no que xa se está a traballar.

Este foi un dos temas principais que a rexedora abordou coa Secretaria de Estado de Infraestruturas, Isabel Pardo de Vera, á que recibiu esta mañá na Casa Consistorial. Un encontro no que tamén estivo presente o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones e no que se abordaron os proxectos de presente e futuro que ambas Administracións comparten no municipio.

Lara Méndez incidiu especialmente na necesidade de que Lugo adquira maior protagonismo dentro do mapa ferroviario estatal “porque mellor conectividade significa, en última instancia, maior competitividade”.

Méndez fixo fincapé no enorme esforzo económico que está a realizar o Concello, “apoiado por algunhas das principais empresas da cidade”, co propósito de darlle un impulso económico a Lugo a través da posta en marcha dun fondo de capital risco baseado na innovación e na sostibilidade para atraer empresas e, tamén, a través da Mesa da Industrialización. “Ferramentas que nos permitirán crear emprego de calidade, reter e atraer talento e rebaixar a dependencia do sector servizos. E esta escasa competitividade dentro do tráfico ferroviario nacional é un hándicap que está a afectar o noso desenvolvemento”.

“Por iso mesmo, lle incidín á Secretaria de Estado na necesidade de que se fortaleza a presenza da capital na liña Corredor Ferroviario de Mercadorías Ferrol - Coruña – Betanzos – Lugo - Monforte, tendo en conta a creación dos nodos portuarios de A Coruña e Ferrol dos que a nosa cidade non pode quedar illado”, apuntou Méndez. “O noso municipio precisa mellorar as súas conexións co resto do Estado pero tamén co resto de capitais galegas e este é para nós un obxectivo irrenunciable”, afirmou.

A alcaldesa valorou moi positivamente que desde o Goberno central se estea a impulsar a mellora da conexión con Ourense cun importante investimento, así como que fose o actual Goberno o que trouxese finalmente o AVE a Galicia pero destacou a necesidade “de avanzar con maior celeridade, porque así tamén nolo está a esixir a cidadanía, nomeadamente nas liñas que nos unen coa capital das Burgas e coa cidade herculina”, engadiu.

Xunto a estas peticións, Lara Méndez aproveitou a reunión para concretar algúns aspectos relacionados coa construción da Estación Intermodal cuxa sinatura será inminente e imprescindible para que cada unha das partes poida licitar os seus proxectos.

Neste senso, Isabel Pardo de Vera explicou que o BOE recolle hoxe o anuncio de apertura do procedemento de exposición pública sobre a ocupación forzosa dos terreos que precisa o Adif, coa finalidade de dispoñer deles en canto poidan comezar os traballos, “sendo serios e rigurosos coa planificación das actuacións e co obxectivo de materializar, canto antes, unha dotación de vital importancia para o municipio e a provincia”, sinalou.

Antes de rematar, a rexedora destacou a comunicación permanente que o Concello está a ter co Executivo Central e a necesidade de mantela, “neste momento máis ca nunca, porque nesta situación tan complexa de crise social e económica que arrastramos, a veciñanza esixe que as Administracións camiñemos da man para superala”, concluíu.

Audio

  • A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a valoración do encontro da Secretaria de Estado | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez anuncia o compromiso do Goberno Central de incluír a Lugo no Corredor Ferroviario de Mercadorías

Noticias relacionadas