Lara Méndez anima a participar na campaña “Quero que me entendas” para incentivar as compras no comercio local

A iniciativa celebrarase todos os xoves deste mes e contará con street market e unha zona gratuíta de comida, cóctels, sorteos e actuacións musicais.

Para participar nas actividades, que terán lugar de 17:00 a 20:00 horas, haberá que presentar un ticket de compra nalgún dos comercios adheridos.

Lara Méndez: “Estamos satisfeitos de colaborar con esta campaña, así como con aquelas iniciativas que teñen o obxectivo de apoiar o pequeno comercio lucense”.

Martes, 07 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anima a participar na campaña “Quero que me entendas” para incentivar as compras no comercio local

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este martes na presentación da campaña “Quero que me entendas. Comercio Fest”, posta en marcha pola Asociación Lugo Centrum Centro Comercial Aberto e a Asociación de Autónomas, coa colaboración do Concello e da Federación Galega de Comercio.

Esta iniciativa, que busca incentivar as compras no comercio local, terá lugar todos os xoves de setembro. Deste xeito, os días 9, 16, 23 e 30 deste mes, os establecementos adheridos, que estarán identificados coa imaxe da campaña, sacarán á rúa os seus productos (street market), e todas as persoas que realicen algunha compra terán acceso a unha zona gratuíta con comida, cóctels e sorteos.

Lara Méndez explicou que “dende o executivo municipal estamos moi satisfeitos de colaborar con esta campaña, así como con aquelas iniciativas que teñan entre os seus obxectivos apoiar e dinamizar as compras nos pequenos e medianos establecementos da nosa cidade, pois o comercio é un dos motores económicos de Lugo”.

Neste senso, a rexedora convidou a “todas e todos os lucenses a realizar as súas compras nos comercios de proximidade e a participar nesta iniciativa, que de seguro será un éxito”. No acto de presentación tamén participaron o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; o presidente de Lugo Centrum, José Luis Pérez; e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias.

Programación

Cada tarde, entre as 17.00 e as 20.00 horas, na Praza Maior, haberá un evento no que terán dereito a participar todas as persoas que aporten un ticket previamente facilitado polas tendas asociadas. As actividades serán as seguintes:

  • Zona Free Cocktails: haberá unha zona de barra onde a xente poderá refrescarse das súas compras co “Lugocentrum Cocktail“  fit e alcol free, que lles será servido nun vaso biodegradable coa imaxe da campaña.
  • Zona Comida: tamén haberá un carro de flocos de millo e outro de algodón de azucre, onde os participantes se poderán levar algo para comer sen custo algún presentando os tickets.
  • Zona Sorteo: habilitarase unha urna onde, ao longo da tarde, a xente poderá acudir co seu ticket cuberto e participar nun sorteo. Cada tarde, no fin de festa sortearanse tres tarxetas de 100€ cada unha (vales a achegar polo cliente).

De 18:00 a 19:45 horas, un grupo musical poñerá o broche final á xornada de compras, e o último xoves, día 23 de setembro, a maiores das actividades descritas antes, haberá: un toro mecánico para todas as idades; un DJ, no templete da Praza, que amenizará o evento durante toda a tarde (de 17.00 a 20.00 horas); e, finalmente, a última hora, un grupo musical (de 20.00 a 21.30 para logo facer o sorteo).

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anima a participar na campaña “Quero que me entendas” para incentivar as compras no comercio local | Descargar mp3

Noticias relacionadas