Lara Méndez aborda coa Confederación Hidrográfica a rexeneración integral do Rato para protexelo e crear novos espazos de convivencia veciñal

A alcaldesa, o presidente da CHMS e o edil de Medio Ambiente visitaron hoxe a zona para concretar as actuacións previstas.

O proxecto inclúe a limpeza da canle fluvial, solucións de saneamento, plantación de especies autóctonas e tamén a creación de novas áreas de recreo e sendeiros peonís.

Todas as accións terán como guía o coidado e aproveitamento consciente e responsable dos recursos naturais existentes na contorna.

Esta colaboración dá continuidade ás obras de canalización do río, que se levarán a cabo en Paradai tralo verán.

“Contribuímos á conectividade do humidal e arboretum do LIFE cos parques do Rato e do Miño para goce da cidadanía”, afirmou a rexedora.

Este proxecto vén a complementar o presentado ante a Unión Europea para ampliar o cinto verde de Lugo até a Tolda, recuperando bosques aluviais e carballeiras e enlazando 3 novos km de senda ciclista.

Venres, 24 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez aborda coa Confederación Hidrográfica a rexeneración integral do Rato para protexelo e crear novos espazos de convivencia veciñal

Rexenerar o Rato de forma integral, acondicionando máis espazos de lecer, creando novos roteiros e poñendo solución a puntuais eivas de saneamento que foron detectadas nalgún treito do río.

Con ese obxectivo o Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica asinarán proximamente un Convenio co que pretenden mellorar e acondicionar toda a contorna fluvial – incluído o afluente Fervedoira – dende o seu nacemento nas Gándaras até a Tolda.

Trátase dun proxecto moi ambicioso co que queremos revalorizar este paseo, de alto impacto ambiental para o municipio e un dos puntos de encontro máis frecuentados pola veciñanza lucense tanto para práctica deportiva como para a socialización e a observación da natureza”, avanzou Lara Méndez.

A rexedora, o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga e o tenente de alcaldesa de Medio Ambiente, Miguel Fernández, visitaban hoxe a zona para concretar as actuacións a desenvolver e que permitirán enlazar os espazos verdes creados ao abeiro do programa LIFE Lugo + Biodinámico, a través das Gándaras e Paradai, cos parques do Rato e do Miño, logo de terse solicitado fondos europeos para ampliar o cinto verde da cidade até a Tolda a finais do pasado exercicio.

A nosa intención é abordar a limpeza de toda a canle coa eliminación de especies invasoras que obstaculizan o desenvolvemento das especies autóctonas, así como adaptar os colectores existentes ás novas demandas da cidade para garantir que non haxa afectacións á auga, evitando que poidan producirse vertidos accidentais aos leitos. Medidas que gardan relación co coidado e conservación medioambiental de todo o espazo e que se verán complementadas con outras de humanización coas que buscamos un aproveitamento consciente dos nosos recursos naturais, predispoñendo á cidadanía a un uso responsable dos mesmos”, abondou Méndez.

Entre as accións a desenvolver, e segundo trasladou o edil Miguel Fernández, figura a reforestación vexetal e a creación de áreas de repouso para a veciñanza, dotadas de mobiliario urbano como asentos, mesas, etc, que permitan o descanso pero tamén a confraternización á beira do río, “ao tempo que habilitaremos novos sendeiros para crear itinerarios alternativos aos actuais, respectuosos coa protección ao medio pero que tamén nos permitan descubrir e coñecer toda a riqueza paisaxística e a diversidade da fauna que habita na contorna”, indicou o responsable de Medio Ambiente.

Pola súa parte, dende a Confederación Hidrográfica, organismo que cofinanciará os traballos xunto á Administración local e que se encargará, ademais, da redacción do proxecto, o seu presidente, José Antonio Quiroga, referiu que estas actuacións propostas polo Concello de Lugo para a parte alta do río Rato humanizarán, restablecerán e valorizarán a imaxe do leito e farán que os veciños vivan de fronte ao río”.

Quiroga adiantou que “nos próximos días estaremos xa en disposición de asinar o protocolo para proceder ao estudio e á elaboración do proxecto no que sustentará o Convenio. Estamos ante unha intervención ambiciosa e necesaria que supón unha mellora global nunha zona con importante presión urbanística que, ademais de devolver ao río a súa dinámica fluvial natural, mellorará a calidade das súas augas. O proxecto que se redactará dará unha solución concreta, proporcionada e específica aos problema que presenta esta zona urbana que conta cunha densidade de poboación moi importante”, engadiu.

A CHMS está ao dispor do Concello de Lugo para colaborar e pilotar calquera proxecto que redunde na mellora do medio ambiente e dos leitos fluviais”, sostivo José Antonio Quiroga.

Antes de rematar a visita, Lara Méndez enmarcou a intervención no labor de protección e coidado que tanto o Concello de Lugo como a Confederación Hidrográfica manteñen sobre o río, “de xeito que estas melloras darán continuidade a obra que se acometerá tralo verán na canalización do Rato ao seu paso polo barrio de Paradai, coa finalidade de corrixir os danos ocasionados pola Xunta coas últimas actuacións realizadas durante a construción da rotonda”.

E servirá, ademais – lembrou a alcaldesa - para ennobrecer o cinto verde do municipio, en consonancia coa súa catalogación como reserva da Biosfera, sumándose ao proxecto presentado a Europa a finais do 2022 para acondicionar o Miño ao seu paso pola capital dende a confluencia de ámbolos dous parques e até a Ponte Romana, onde queremos recuperar bosques aluviais, carballeiras e prados de sega e enlazar as sendas verdes ciclistas con tres novos quilómetros de carril bici co propósito de gañar en conectividade e biodiversidade para goze da veciñaza”, concluíu Lara Méndez.

Cómpre lembrar que a conexión das citadas actuacións coa actual trama de zonas verdes que alcanza o Sagrado Corazón, permitirá ás e aos lucenses camiñar polo ampliado cinto verde da cidade ata as propias fontes do río Rato, o humidal recuperado coa estratexiaLIFE, ou visitar o arboretum.

Audio

  • José Antonio Quiroga, sobre a rexeneración integral do Rato | Descargar mp3
  • Lara Méndez, sobre a rexeneración integral do Rato | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas