O encontro súmase aos xa mantidos pola rexedora en anteriores ocasións, o último deles na capital galega e ao que Méndez acudiu, alén, como primeira mandataria do Eixo Atlántico.
- Tema

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu na cidade a unha delegación do Club Financeiro de Santiago entre os que se atopaban os integrantes da directiva desta entidade cos que a rexedora xa tivera ocasión de reunirse o pasado mes de maio, en Compostela, no marco da celebración da Asamblea do Eixo Atlántico que ela preside.
O colectivo amosara o seu interese por visitar a capital lucense atraídos polo modelo de transformación económica que está a impulsar Lara Méndez e, nomeadamente, pola Estratexia Lugo Transforma.
O encontro súmase aos anteriormente mantidos pola alcaldesa co sector empresarial galego e do Norte de Portugal coa vocación de impulsar a creación de sinerxías que fomenten o investimento e a investigación.
Durante o mesmo, a mandataria local e o resto de asistentes puxeron o foco na necesidade de pular pola recuperación social, logo das crises sanitaria e económica que están a ter repercusións globais, apostando pola colaboración pública – privada na que o Fondo de Capital Risco lucense está a suscitar moito interese, dentro e fóra de Galicia.
Igualmente, reivindicaron a necesidade de seguir avanzando en materia de infraestruturas, aspecto sobre o que Méndez incidiu, subliñando a transcendencia, en clave autonómica e local, que terá o compromiso acadado do Goberno central para incluír a Lugo no Corredor Ferroviario de Mercadorías, mellorando a conectividade e a competitividade dos territorios que vertebra esta liña.
A xornada finalizou cun xantar nas casetas do polbo, onde a rexedora os convidou a vivir unha das principais tradicións das festas patronais, poñendo en valor o San Froilán.