Iria Buide anuncia que o vindeiro mércores 3 de setembro comeza o curso das escolas infantís municipais

As familias están convocadas a una xuntanza o día 2 ás 19 horas en cada una das 4 escolas da rede municipal, onde se tratarán temas relativos ao curso escolar.

Iria Buide: "Continuamos a realizar un gran esforzo económico e administrativo para dar este servizo ás familias, mentres agardamos a que a Xunta se faga cargo das súas competencias e xestione directamente estas escolas".

Buide anunciou que volverá o xadrez xigante da praza Maior dentro das actividades de promoción do xadrez da concellería de Educación.

Domingo, 31 de agosto de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Iria Buide anuncia que o vindeiro mércores 3 de setembro comeza o curso das escolas infantís municipais

A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, anunciou que o vindeiro 3 de setembro comezará o curso escolar 2025-2026 nas escolas infantís municipais do Concello de Lugo. As familias con praza adxudicada en cada unha das 4 escolas están convocadas a unha xuntanza previa ao inicio do curso o día 2 a partir das 19h, onde se tratarán temas relativos ao comezo de curso.

As escolas infantís municipais prestan un servizo integral de carácter social e educativo que atende todas as facetas da aprendizaxe, motricidade, control corporal, primeiras manifestacións da comunicación e da linguaxe, pautas elementais de convivencia, relación social e descubrimento do entorno inmediato, realizando un traballo conxunto entre o ámbito escolar, a familia e o entorno físico. O compoñente asistencial está referido á prestación de todos os coidados necesarios como a hixiene, limpeza, o cambio de roupa, manutención e atención á saúde dos menores.

Buide explicou que o Concello realiza un investimento anual superior a 1.5 millóns de euros para o mantemento das escolas, "desde o Concello de Lugo realizamos un gran esforzo para cumprir cunha competencia, a educación infantil de 0 a 3 anos, que é da Xunta de Galiza",  e engadiu "seguiremos a realizar un gran esforzo económico e administrativo para dar este servizo ás familias, mentres agardamos a que a Xunta se faga cargo das súas competencias e xestione directamente estas escolas".

Actividades de promoción do xadrez

Buide anunciou que durante o mes de setembro continúa o programa de promoción do xadrez, cunha nova actividade que facilitará a práctica deste deporte organizada pola Tenencia de Alcaldía e a Asociación Cultural Xaquedrum. A praza Maior será o novo escenario da actividade, que se levará adiante todas as tardes do mes de setembro, de luns a venres, entre as 18:00 e as 20:00. Poderase xogar ao xadrez xigante, ademais de instalarse varios taboleiros de xadrez na praza. Trátase dunha actividade aberta ao público e totalmente gratuíta, que non require de inscrición previa.

Ademais, Iria Buide anunciou que o xadrez volverá aos centros de ensino, onde as e os estudantes de 5º e 6º de Infantil e de 1º Primaria dos centros públicos de Lugo recibirán 3 sesións de iniciación ao xadrez en horario lectivo.

A concelleira Iria Buide afirmou que o Goberno de Lugo mantén o compromiso por "achegar actividades aos centros educativos, organizando un ano máis estes torneos que terán lugar nun espazo emblemático como é o soto da Praza de Abastos". Segundo Iria Buide, "con estas iniciativas buscamos fomentar a práctica do xadrez e os seus beneficios en capacidades moi importantes como a concentración, a toma de decisións e a creatividade".

Multimedia

  • Iria Buide anuncia que o vindeiro mércores 3 de setembro comeza o curso das escolas infantís municipais
  • Iria Buide anuncia que o vindeiro mércores 3 de setembro comeza o curso das escolas infantís municipais

Noticias relacionadas