Buide: "As axudas contribuirán a garantir que moitas nenas e nenos teñan acceso ao material necesario".
As bases, que se publicaron onte no BOP, poden consultarse na concellería de Educación, e o prazo de solicitude estará aberto ata o 4 de xullo.

A Concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, anunciou que vén de abrir o prazo para solicitar as axudas para a compra de libros de texto e material escolar para familias con baixos recursos. "Seguimos a traballar na mellora dos tempos deste trámite, que este ano contamos con ter rematado de cara ao inicio do curso escolar", declarou Buide, que engadiu "desde a concellería de Educación esforzámonos en facilitar ás familias, no menor prazo de tempo posíbel, esta axuda que serve para garantir o acceso ao material a moitas nenas e nenos".
Buide anunciou que este ano, como novidade, poderanse incluír nestas axudas as botellas de auga ou xogos específicos para nenas e nenos con determinadas dificultades, (se o solicita o centro escolar e/ou con informe xustificativo do colexio) para alumnado de segundo ciclo de educación infantil, matriculado en centros sostidos con fondos públicos do municipio de Lugo. Non se admitirá vestiario, xoguetes, paraugas nin outros obxectos de uso alleo á actividade escolar.
A concellería de Educación avanza no procedemento que permite ás familias con baixos recursos optar a un dos 400 cheques de 100€, ata completar un total de 40.000€ adicados a esta liña de axudas. O criterio único de baremación para a concesión da axuda é a renda per cápita anual da unidade familiar quedando este ano establecido o tope no 85% do IPREM. En total, a concellería de Educación atendeu a 723 solicitudes para estas axudas.
As bases publicáronse onte no BOP, o que abre o prazo de presentación de solicitudes ao longo dos próximos 15 días (ata o 4 de xullo) a través do rexistro presencial ou telemático. "Simplificamos o máximo posible o procedemento para garantir que as axudas se poidan entregar no menor tempo posible", afirmou a concelleira.
Audio
- A Concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, sobre as axudas de material escolar | Descargar mp3

