Fin de semana musical e de paseos con historia en Lugo

O Vello Cárcere acollerá a retransmisión da ópera Lucia Di Lammermoor o sábado, día no que se celebrará tamén a I Noite Coral por distintos puntos da cidade

O Concello ofrece dúas rutas polo Camiño Primitivo e unha pola zona rural os vindeiros días. Ademais organiza o certame de pintura ao aire libre o domingo

Xoves, 05 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre lembrou as citas musicais que ofrece Lugo esta fin de semana. Trátase, por unha banda, da retrasmisión da ópera Lucia Di Lammermoor, de G.Donizetti, dende o Teatro Real. Poderá verse o sábado, dende as 21:30 horas, en pantallas no Vello Cárcere. Esta actividade, a que se quixo sumar o Concello, está enmarcada dentro da Semana da Ópera.

Lucia Di Lammermoor  é unha obra basada na truculenta novela histórica de Walter Scott, que Salbatore Camarano transformou en libreto. É un melodrama romántico, con emocións exacerbadas, amores imposibles, traicións ou loucura.

O mesmo sábado, tamén terá lugar a I Noite Coral, un circuíto nocturno de concertos das voces corais polos templos da cidade, co que colabora o Concello, que conta cunha actuación final na Praza de Santa María. Arrincará ás 21:00 horas e rematará sobre as 23:30 horas, tras percorrer a Capela de San Roque, a Igrexa de Santiago A Nova, a Igrexa de San Froilán, e a Igrexa de San Pedro. Participará o Gruppo Vocale S.Bernardo, de Italia, o Orfeón Lucense, o Grupo Vocal Soclo Voces, e a Coral do Hospital Xeral Calde. Para a actuación final sumarase a soprano Noemí Mazoy, o organista Guiulio Mercati, e o grupo de cámara da Banda Filarmónica de Lugo.

Pero as alternativas do Concello para o vindeiro venres, sábado e domingo non acaban aí. En concreto, cada un dos tres días ofrece unha andaina distinta. Mañá terá lugar un paseo polo Camiño Primitivo, con saída dende a Chanca ás 20:00 horas, pasando por Campo Castelo e A Tinería. Ten unha duración de dúas horas. Esta andaina ofrece a alternativa de tapear polos establecementos ao paso da excursión. Ao día seguinte, a partir das 10:00 horas, celebrarase unha excursión de Pasos con Historia, tamén polo Camiño Primitivo, dende Soutomerille ata a Praza do Campo. A saída é dende a parada de bus da rúa Anxo López Pérez.

O domingo a ruta versará sobre a prehistoria nas Ribeiras do Miño, cunha distancia de 10 quilómetros por Ventosiños, Castro da Magdalena de Coeses, a Capela das Virtudes, Castro de Penarrubia e Adai. A saída é ás 10:30 horas, taén dende a parada de bus da rúa Anxo López Pérez.

Este mesmo día tamén se celebrará o 18º Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre, que ofrece en premios un total de 5.550 euros.  As inscricións, que serán gratuítas, realizaranse na Concellería de Cultura o propio día do certame. O tempo para presentar as obras rematará ás 17:00 horas e realizarase o control na Praza Maior, onde se coñecerá o ditame do xurado ás 18:00 horas

Completa a programación deste día unha sesión de xogos tradicionais, a partir das 18:30 horas, na Praza Maior.

Audio

Noticias relacionadas