A Feira de San Isidro da Milagrosa cumpre 25 edicións poñendo en valor os productos autóctonos e artesanais, coa colaboración do Concello

A cita regresa esta fin de semana coa participación duns 30 vendedores chegados de A Coruña, Oviedo, Ourense, Pontevedra e diferentes puntos da provincia de Lugo.

Lara Méndez: “Esta cita supón unha gran oportunidade para enxalzar as nosas raíces rurais e dinamizar durante varios días as rúas deste barrio, así como o comercio local”.

Pablo Rivera destacou “a importancia de apostar por unhas políticas de colaboración entre o sector primario, a investigación das universidades e o apoio das administracións”

Durante a presesentación de hoxe, tivo lugar o nomeamento como socio de honra da Asociación da Milagrosa de César Dorado, presidente de ACRUGA.

Xoves, 19 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Feira de San Isidro da Milagrosa cumpre 25 edicións poñendo en valor os productos autóctonos e artesanais, coa colaboración do Concello

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Federación de Veciños, Jesús Vázquez, presentaron este xoves na Casa Consistorial a XXV Edición da Feira do campo e da artesanía de San Isidro, que se celebrará esta fin de semana, os días 20, 21 e 22, na praza da Milagrosa. No acto tamén participaron o deputado provincial, Pablo Rivera e o presidente de Acruga, César Dorado, xunto a membros da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa.

A rexedora subliñou que “a Feira de San Isidro cumpre este ano 25 edicións poñendo en valor os productos autóctonos e artesanais, consolidada, así mesmo, como a maior feira urbana de toda Galicia”. Neste senso, Lara Méndez destacou que “durante toda a fin de semana uns 30 vendedores chegados de A Coruña, Oviedo, Ourense, Pontevedra e diferentes puntos da provincia de Lugo, achegarannos os seus produtos de primeira calidade”.

“Dende o Concello estamos encantados de colaborar, unha vez máis, coa organización desta cita, pois supón unha gran oportunidade para enxalzar as nosas raíces rurais e dinamizar durante varios días as rúas deste barrio, un dos máis senlleiros da cidade, así como o comercio local e de proximidade”, engadiu.

Así, a alcaldesa convidou aos veciños e veciñas de Lugo “a participar nesta nova edición da feira e gozar da programación de actuacións culturais, degustación de produtos e exhibicións de artesanía, entre outras actividades, que completan o programa do evento”.

Pola súa parte, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, recoñeceu esta cita “como un nexo de unión entre o rural e o urbano para manter as raíces e as tradicións e a identidade de Lugo, onde moita xente combina a súa vida cotián no urbano con fondas raizames no rural”. E lembrou que “esta iniciativa forma parte da estreita colaboración que a Deputación de Lugo mantén anualmente coa Asociación de Veciños Comerciantes e Industriais da Milagrosa cunha achega de 15.000€”.

Así mesmo, a institución provincial colabora coa elaboración de dúas degustacións de embutidos e queixos da provincia. Rivera Capón recordou a importancia de apostar por “unhas políticas de colaboración entre o sector primario, a investigación das universidades públicas ou o apoio das administracións”.

Durante a presesentación de hoxe, tivo lugar, así mesmo, o nomeamento como socio de honra da Asociación da Milagrosa de César Dorado, presidente de ACRUGA. Ademais, Jesús Vázquez, avanzou que o pregón da feira, que terá lugar este venres ás 20:00 horas, será a cargo do presidente da Deputación, José Tomé Roca e, como nas pasadas edicións, o domingo entregaranse os premios José Carballido aos mellores 5 stands da cita.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a XXV Feira de San Isidro | Descargar mp3

Multimedia

  • A Feira de San Isidro da Milagrosa cumpre 25 edicións poñendo en valor os productos autóctonos e artesanais, coa colaboración do Concello

Noticias relacionadas