A Alcaldesa, a Concelleira e o guía turístico asistiron, no colexio Illa Verde, ao obradoiro Empodérate!, un proxecto presentado e elixido pola cidadanía luguesa a través dos Orzamentos Participativos
O taller busca traballar en prol da igualdade no ámbito laboral dende idades temperás, para incidir en que a elección profesional que as nenas e os nenos realicen non debe estar limitada polo xénero, senón polas inquedanzas
Empodérate! ten unha segunda acción, a impresión de 2.000 unidades dun libro protagonizado pola familia dos Bolechas, incidindo na idea de que non existen profesións específicas para mulleres ou para homes

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, achegouse este martes ao colexio público Illa Verde, que acolleu o obradoiro Empodérate!, un proxecto presentado e elixido pola cidadanía luguesa a través dos Orzamentos Participativos. Xunto á rexedora participaron neste taller a Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, e o guía turístico Guido Álvarez.
Trátase dun taller que ten como obxectivo traballar en prol da igualdade no ámbito laboral dende idades temperás, para incidir en que a elección profesional que as nenas e os nenos realicen no futuro non debe estar limitada polo seu xénero, senón polas súas inquedanzas persoais. Está dirixido a nenas e nenos de 6º de Educación Infantil e 1º e 2º curso de Educación Primaria, onde se visibiliza unha ampla variedade de profesións e traballos, aportando distintas testemuñas en primeira persoa, achegando ao alumnado na xornada de hoxe, a experiencia persoal de Lara Méndez, Rosana Rielo e Guido Álvarez.
Empodérate! ten unha segunda acción, a impresión de 2.000 unidades dun libro protagonizado pola familia dos Bolechas, incidindo na idea de que non existen profesións específicas para mulleres ou para homes. O libro presentarase nun pasarrúas que contará coa presencia dalgúns dos e das protagonistas.
Audio
- A alcaldesa Lara Méndez, sobre o obradoiro Empodérate! | Descargar mp3