Éxito da xornada de convivencia do Día do Maior organizada polo Concello, coa conferencia do doutor Ángel Carracedo como actividade central

Tanto o alcalde como a edil de Cohesión Social asistiron aos actos celebrados no MIHL e destacaron a importancia de “xerar espazos de convivencia para os maiores lucenses”.

O catedrático de Medicina Legal, investigador e experto internacional en xenética arroxou luz sobre algúns dos cambios máis importantes que carrexa a etapa da terceira idade.

Máis de 100 persoas participaron neste evento que uniu divulgación sobre cuestións vitais cunha xornada lúdica de reencontro para favorecer a socialización e evitar o illamento.

Mércores, 01 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Éxito da xornada de convivencia do Día do Maior organizada polo Concello, coa conferencia do doutor Ángel Carracedo como actividade central

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, asistiron esta mañá á xornada de convivencia do Día do Maior, organizada polo Concello no Museo Interactivo da Historia de Lugo, e que tivo como acto central a conferencia do doutor Ángel Carracedo, na que tamén interviu Esther Olveira, directora do cuarto ciclo da USC. Máis de 100 persoas participaron neste evento co que “desde o Goberno Local queremos amosar a importancia que lles prestamos aos nosos maiores, non só a través desta xornada de convivencia, senón cunha conferencia didáctica e formativa ao máis alto nivel, grazas á presencia do doutor, Investigador e refutado xenetista, Ángel Carrecedo”, sinalou o alcalde.

Tamén a edil Olga López Racamonde falou “do luxo que supón contar cun investigador deste nivel para falarnos dos cambios máis importantes que carrexa esta etapa vital, ao tempo que reunímonos nun evento lúdico de reencontro, que marca ademais un dos grandes obxectivos no que traballamos desde a área de Cohesión Social, como é favorecer a socialización e evitar o illamento na terceira idade”.

O investigador e experto xenetista abordou durante aproximadamente unha hora as principais cuestións de saúde que afectan á terceira idade, con especial atención aos cambios que supón esta etapa vital, pero tamén deu as claves do que supón o proxecto xenoma.

Unha vez celebrada a conferencia, tivo lugar no mesmo Museo Interactivo da Historia de Lugo unha comida de convivencia, co obxectivo de compartir, conversar e estreitar lazos entre a veciñanza. Neste sentido López Racamonde sinalou que “o obxectivo desta programación foi, ademais dun día de encontro e socialización, que os veciños e veciñas coñeceran da man dun experto algúns coñecementos aplicables a súa rutina diaria e poñer luz sobre os cambios que carrexa a etapa na que se atopan”.

Con esta charla divulgativa, escollida para conmemorar o Día Internacional das Persoas Maiores, ponse o broche de ouro ao ciclo de conferencias impulsada pola Área de Cohesión Social co obxectivo de que o público da idade dourada poida coñecer mellor o período vital no que se atopa, ademais de incentivar a socialización. López Racamonde fixo “un balance moi positivo deste ciclo que foi culminado hoxe cunha charla de moito interese que tivo, ademais, unha alta participación”.

Multimedia

  • Éxito da xornada de convivencia do Día do Maior organizada polo Concello, coa conferencia do doutor Ángel Carracedo como actividade central
  • Éxito da xornada de convivencia do Día do Maior organizada polo Concello, coa conferencia do doutor Ángel Carracedo como actividade central
  • Éxito da xornada de convivencia do Día do Maior organizada polo Concello, coa conferencia do doutor Ángel Carracedo como actividade central

Noticias relacionadas