Éxito da 1ª Feira Outlet de comerciantes só da capital con vendas de ata 5.000 euros

Luns, 18 de outubro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Co resultado desta iniciativa, e logo de Artesanfroilán, ambas as dúas administracións acadan un novo éxito dentro da aposta polo desenvolvemento da economía lucense mediante a suma de esforzos

Miles de persoas de toda Galicia abarrotaron a 1ª Feira Outlet de comerciantes exclusivamente da capital que Concello de Lugo e Deputación, xunto á Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais lucense, impulsaron co obxectivo de potenciar e manter postos de traballo no comercio da cidade. Ó éxito da mostra foi tal, que as vendas por expositor acadaron os 5.000 euros.

Os 26 participantes tiveron que repoñer en varias ocasións, e durante a fin de semana, os seus produtos debido ó ritmo no volume de vendas. Xa tan só na tarde do venres, logo da inauguración por parte do Alcalde da cidade, José López Orozco, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Presidenta de dito colectivo, Noral Real, houbo negocios que sumaron beneficios de ata 1.800 euros.

Deste xeito, os comerciantes conseguiron vender todos os seus stocks, -pezas de zapatería, téxtil, xoiería, mercería, óptica, droguería e ata delicatessen-, que contaron con descontos de entre o 50% e o 70%, e que puxeron á venda na capital antes ca ningún outro profesional de fóra da provincia. Esta foi ademais, a primeira vez que o centro da cidade acolleu unha feira destas características.

Co resultado desta iniciativa, Deputación e Concello de Lugo acadan un novo éxito dentro da aposta conxunta por impulsar a economía lucense mediante a suma de esforzos. Con Artesanfroilán, a feira de artesanía celebrada durante as patronais da capital, ambas as dúas administración lograron que estes profesionais acadasen un volume de negocio de 100.000 euros mediante á venda de produtos de difícil distribución no mercado.

Os expositores da 1º Feira Outlet de comerciantes só da capital foron os seguintes: Chiqui, Messalina, Copy Zapatos, Tintoretto, Abegonza, Montse Arias, Estela, Briti, Lencería Lilas, Chupete, Bebo y Beba, INPE, Dick & Paul, Droguería Romay, Metacrilato e artígos de regalo, Clamar Regalos, Santo Domingo 2 Galerías, Torques Lugo, Óptica Torres, Xoiería Senen e La Palloza.

 

Noticias relacionadas