Evislusa cuantifica en 110.000€ o orzamento para acometer as medidas de seguridade do inmoble 48 da Ronda da Muralla

O Concello executará as actuacións de maneira subsidiaria co fin de garantir a seguridade cidadá e ante o incumprimento continuo da orde de execución por parte da propiedade

Esta encomenda de xestión foi un dos asuntos tratados no Consello de Administración da Empresa Municipal de Vivenda e Solo celebrado hoxe, no que quedou aprobado o informe de xestión do 2016

Venres, 16 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Evislusa cuantifica en 110.000€ o orzamento para acometer as medidas de seguridade do inmoble 48 da Ronda da Muralla

A Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo (Evislusa) cuantifica en máis de 110.000 euros o orzamento preciso para acometer as medidas de seguridade e a elaboración do proxecto de rehabilitación do inmoble 48 da Ronda da Muralla, unhas actuacións que o Concello executará de maneira subsidiaria co fin de garantir a seguridade cidadá, para logo repercutirlle os gastos á propiedade, que conta cunha orde de execución que non acata dende o ano 2005.

Esta estimación económica é froito da encomenda de xestión que Evislusa está realizando a solicitude do Concello para poder proceder á devandita execución subsidiaria, que inclúe medidas como a retirada de elementos soltos de cuberta e fachada, de lousas de pizarra con risco de desprendemento, eliminación de restos do desplome cara ao interior do edificio co fin de evitar o empuxe destes elementos sobre a fachada, a recuperación do buhardillón catalogado da edificación, e a eliminación de cristais rotos ou con risco de desprendemento, así como de planchas metálicas instaladas nunha das portas catalogadas na planta baixa.

A encomenda de xestión para a cuantificación do orzamento de execución material que leva consigo, tanto a elaboración do proxecto de rehabilitación do inmoble número 48 da Ronda da Muralla, como a execución das medidas de seguridade foi un dos asuntos tratados na reunión do Consello de Administración de Evislusa celebrado este venres no Salón de Comisións, baixo a presidencia da Alcaldesa, Lara Méndez.

Melloras en Virxe da Soidade e Garabolos

Na xuntanza deuse tamén o visto bo a outras dúas encomendas de xestión de Evislusa para desenvolver actuacións urbanísticas moi demandadas pola veciñanza, como a elaboración dun proxecto para mellorar a seguridade do entorno do colexio das Gándaras coa construción dunha beirrarúa en Virxe da Soidade, e os trámites de expropiación e urbanización precisos para ampliar a beirarrúa en Garabolos, no tramo comprendido entre os números 362 e 372, onde un muro limita o paso. Nos dous casos, Evislusa xa contactou coa propiedade dos terreos para avanzar na tramitación.

A Empresa Municipal de Vivenda cumpriu xa, por outra banda, con outras dúas encomendas de xestión realizadas polo Concello para preparar toda a documentación precisa para a obtención dunha autorización competencial de carácter autonómico para o Fogar do Transeúnte, e a cursada para elaborar o proxecto de demolición do anexo de lavanderías do Cuartel de San Fernando, unhas obras que serán contratadas e executadas polo Concello unha vez reciba o preceptivo visto bo da Xunta por ser o edificio Ben de Interese Cultural (BIC).

No Consello de Administración de hoxe quedou aprobado o informe de xestión correspondente ao ano 2016, no que destaca a tramitación das axudas ao alugueiro de vivendas e á rehabilitación, así como a colaboración de Evislusa nos programas europeos, nomeadamente o financiado a través do plan Life, o Lugo+Biodinámico, de cuxa execución se ocupa e que, ademais de converter a Lugo en referente do urbanismo sostible e a loita contra o cambio climático, servirá para impulsar novas alternativas para o sector da construción, utilizando a madeira como elemento estrutural construtivo.

Noticias relacionadas