Este mesmo martes xa será posible inscribirse no Plan Socio Laboral Muramiñae Rehabilita co que o Concello creará 27 postos de traballo

As bases, que se publicarán o luns, 15 de xuño, no BOP e xa se poden consultar na páxina web municipal, darán prioridade á contratación de inmigrantes e minorías étnicas do municipio

A iniciativa enmárcase na estratexia DUSI de integración da trama urbana co Miño, que busca tamén a rexeneración económica e social do municipio

Realizaranse arranxos medioambientais, de albanelería, pavimentación e reparación de mobiliario e infraestrutura nos barrios de Recatelo, A Cheda, A Ponte-San Lázaro, O Carme, Milagrosa, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, Abuín e Saamasas

O Concello abrirá, ademais, canles de comunicación coa cidadanía para que sexa a propia veciñanza a que propoña e suxira as obras de actuación

Sábado, 13 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Este mesmo martes xa será posible inscribirse no Plan Socio Laboral Muramiñae Rehabilita co que o Concello creará 27 postos de traballo

Este próximo luns, 15 de xuño, sairán no Boletín Oficial da Provincia as bases do Muramiñae Rehabilita, o Plan de Intervención Socio-Laboral municipal que permitirá desenvolver, durante seis meses, obras de mellora nos dez barrios da cidade que integran a zona DUSI, ao mesmo tempo que se lle dá unha oportunidade laboral a 27 persoas de colectivos vulnerables.

Aínda que xa se poden consultar na páxina web municipal, www.concellodelugo.gal, logo da  súa publicación no BOP, abrirase un prazo de 10 días naturais para a presentación de solicitudes co obxectivo de que as persoas que ocupen as prazas poidan comezar a traballar a mediados do mes de xullo.

A propia alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, trasladaba hai días, durante un encontro telemático,  os detalles do procedemento ás e aos representantes das distintas asociacións que traballan neste eido para solicitarlles a súa colaboración tanto na canalización da información ás persoas interesadas como para axudalas na presentación das solicitudes.

“Daráselle prioridade na contratación aos desempregados de longa duración, mulleres, maiores de 55 anos, mozos e mozas menores de 30 atendidos polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil e persoas que estean en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe de Servizos Sociais.”

A iniciativa, que se enmarca na liña de acción específica que fixa a estratexia europea DUSI para a promoción da inclusión social e de loita contra a pobreza a través da inserción laboral, reactívase agora tras quedar paralizada en marzo, mes no que se presentou, polo estado de alarma causado polo COVID 19.

A rexedora explicou que se crearán 3 brigadas que estarán conformadas por 27 persoas: 8 peóns e un capataz en cada unha delas.

“Estes equipos encargaranse de realizar labores de xardinería e arranxos medioambientais, de albanelería e pavimentación e reparación de mobiliario e infraestrutura urbana nos barrios DUSI: Recatelo, A Cheda, A Ponte-San Lázaro, O Carme, Milagrosa, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, Abuín e Saamasas”.

Lara Méndez subliña o feito de que esta oportunidade laboral irá acompañada, asemade, dun traballo de capacitación coas persoas contratadas, con formación tamén en habilidades sociais e laborais. “Na fase final do contrato entrarán a escena os nosos orientadores laborais, que axudarán aos participantes no plan na súa inmersión no mercado laboral”, matizou a alcaldesa.

Participación da veciñanza

A alcaldesa destacou tamén a apertura deste programa de obras á opinión e suxestións da veciñanza, “xa que queremos que sexan os cidadáns os que nos propoñan as actuacións que queren que desenvolvamos neste barrios”. Para iso, habilitarase un espazo na web municipal onde deixar as propostas, e tamén se repartirán folletos de papel a través dos que os veciños e veciñas poden facer chegar as súas peticións, que se irán estudando no marco dun plan de acción de barrios.

O investimento deste primeiro plan Muramiñae Rehabilita ascenderá a 671.000 euros, do que o Concello cofinancia o 20% e o resto son fondos FEDER. Desta cantidade, 267.000 euros son para gastos de persoal, e o resto materiais, vestiario, aluguer maquinaria, coordinación e seguridade, entre outras actuacións complementarias.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre a inscrición no Plan Socio Laboral "Muramiñae Rehabilita" | Descargar mp3

Noticias relacionadas