Un total de 16 actividades de 15 disciplinas celebraranse do 21 de setembro ao 13 de outubro en diferentes puntos da cidade.
Atletismo, baloncesto, billar, fútbol, fútbol sala, golf, judo, pádel, rugby, softbol, tenis, tiro con arco, e voleibol forman parte da programación deportiva.
"San Froilán é moito máis que festa; é un reflexo da identidade lucense, na que o deporte ten un lugar destacado", subliñou o edil de Deportes, Jorge Bustos.

A Concellería de Xuventude e Deportes, dirixida por Jorge Bustos, presenta a programación deportiva das festas de San Froilán 2024. Este ano, o deporte converterase nun dos eixos centrais da celebración, con 16 actividades que se desenvolverán do 21 de setembro ao 13 de outubro. Segundo o concelleiro, "San Froilán é unha celebración única na que a nosa identidade como cidade brilla en todo o seu esplendor. O deporte, ligado á sociedade lucense, non podía faltar nesta programación".
As festas deste ano reunirán quince disciplinas diferentes, o que reflicte a riqueza e variedade da oferta deportiva de Lugo. "O tecido asociativo vinculado ao deporte en Lugo é fundamental. Grazas ao traballo e compromiso dos clubs, o deporte segue a ser unha parte esencial da nosa cidade. Esta programación reflicte esa diversidade, demostrando unha vez máis que Lugo é deporte", engadiu Bustos.
O concelleiro subliñou tamén a importancia de contar cunha ampla oferta de actividades que dean visibilidade ao traballo dos clubs e animen á participación da veciñanza. "San Froilán é moito máis que festa; é un reflexo da identidade lucense, na que o deporte ten un lugar destacado", recalcou. A programación para estas datas permitirá que os veciños e veciñas gocen dunha ampla variedade de disciplinas, fortalecendo así o carácter deportivo da cidade.
As actividades deportivas, que se repartirán en diferentes localizacións de Lugo, incluirán as seguintes citas:
- Voleibol: IV Torneo de Voleibol San Froilán, sábado 21 de setembro na Casa do Deporte.
- Tiro con arco: Trofeo San Froilán Tiro con Arco, sábado 28 de setembro no Polideportivo Municipal Daniel Cordido.
- Judo: XLIX Torneo de Judo San Froilán, domingo 29 de setembro no Pabillón Municipal dos Deportes.
- Baloncesto: Liga ACB, C.B. Breogán - Manresa, sábado 5 de outubro no Pazo Universitario dos Deportes.
- Rugby: Torneo San Froilán de Rugby, sábado 5 de outubro nas Pistas Gregorio Pérez Rivera.
- Golf: XXVIII Torneo de Golf San Froilán, sábado 5 de outubro no Club Golf Lugo.
- Fútbol sala: 2ª División Nacional, Lugo Sala - Barça Atlètic, sábado 5 de outubro no Pabillón Municipal dos Deportes.
- Fútbol: Primeira Federación, CD Lugo - Nàstic de Tarragona, domingo 6 de outubro no Estadio Anxo Carro.
- Softbol: X Copa Softbol San Froilán, domingo 6 de outubro no Campo Municipal de Beisbol O Ceao.
- Tenis: Torneo San Froilán de Tenis, do 4 ao 10 de outubro nas Pistas Tenis Municipais Frigsa.
- Pádel: Torneo Pádel San Froilán, do 11 ao 20 de outubro en Lucus Pádel.
- Atletismo: Saltar na Rúa, sábado 12 de outubro na Praza Horta do Seminario.
- Dardos: Open San Froilán de Dardos de Billar Pool, sábado 12 de outubro en Tiempos Modernos.
- Voleibol: Liga Iberdrola, Arenal Emevé - OCISA Aro Rioja Volei, sábado 12 de outubro no Pabillón Municipal dos Deportes.
- Voleibol: Superliga Masculina, Arenal Emevé - UPV Leleman Conqueridor, sábado 12 de outubro no Pabillón Municipal dos Deportes.
- Balonmán: Liga Galega Senior Masculina, CP Lucense – Balonmán Ribadosar, sábado 12 de outubro no Polideportivo Municipal Casa do Deporte.
Jorge Bustos rematou destacando que esta programación deportiva "demostra o compromiso do Goberno local co deporte como elemento de unión e participación veciñal, ofrecendo actividades para todos os gustos e idades. A concentración destes eventos dpeortivos nun corto periodo de tempo e coincidindo coas festas patronais vai permitir tamén o incremento de pernoctas na cidade, co retorno económico que isto supón".


