Diferentes actuacións de baile captarán todas as miradas coa celebración da VII Edición da Semana da Danza de Lugo

Carmen Basadre, Isabel Méndez e Cristina Lata presentaron a programación que inclúe representacións de escolas galegas e lucenses, así como danza polas rúas da cidade

A edil destacou que, deste xeito se achega a todas e todos os lucenses a arte da danza, ensinando o traballo que se realiza, durante todo o ano no Conservatorio de Danza de Lugo

Nesta edición poderase ver a peza Mulïer da Compañía Maduixa-Teatre, un espectáculo en zancos a prol das mulleres galardoada con catro premios nacionais

Martes, 24 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Diferentes actuacións de baile captarán todas as miradas coa celebración da VII Edición da Semana da Danza de Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre xunto a Directora do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Isabel Méndez e a Vicedirectora do centro, Cristina Lata, presentaron este martes, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a programación da VII Semana da Danza que terá lugar ata o 29 de abril con diferentes mostras e espectáculos nas que se inclúen representacións na rúa, un concurso coreográfico ou actuacións de diferentes escolas da cidade e galegas.

Carmen Basadre sinalou que “para nós é un orgullo achegar á cidade de Lugo espectáculos de calidade para que todas e todos os lucenses poidan gozar, de primeira man, da arte da danza, amosando, deste xeito, o traballo que durante todo o ano se realiza dende o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo ou as diferentes escolas de Lugo e Galicia”.

Nesta liña, Isabel Méndez agradeceu ao Concello a posibilidade de organizar este evento artístico un ano máis no que se inclúen actividades de baile de todo tipo, “é o caso da representación da Nelkenline de Pina Bauch, onde calquera persoa amante da danza, pode aprender a coreografía e participar na representación na Praza de Santa María o sábado 28 de abril”.

Nesta edición inclúese a actuación da compañía Maduixa Teatre cunha peza a prol das mulleres, Mulïer, así o destacou a edil de cultura: “É un auténtico honor contar coa presenza de representacións deste calibre e compañías asentadas no eido da danza. Con esta obra, Maduixa Teatre foi galardoada con catro premios nacionais, entre eles dous Max de artes escénicas e máis de 2.500 representacións por todo o mundo nos 14 anos de vida dende a creación da compañía”.

Esta programación que xa se iniciou na xornada de onte cunha actuación de danza-teatro inclúe as seguintes representacións, todas elas de balde ata completar a cabida:

  • Xoves, 26 de abril, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire: mostra de danza de carácter, danza galega e flamenco, interpretadas polo alumnado do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.
  • Venres, 27 de abril, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire: presentación dos traballos coreográficos sobre María de Ávila, creados polo alumnado do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.
  • Sábado, 28 de abril, ás 12:45 horas na Praza de Santa María: interpretación da Nelkenline de Pina Bauch, a cargo das escolas de danza de Galicia, (no caso de que chova realizarase no Vello Cárcere ás 12:00 horas); ás 13:00 horas na Praza de Santa María representación de Mulïer da compañía valenciana Maduixa Teatre (no caso de que chova a actuación trasladarase ao Auditorio Municipal Gustavo Freire ás 13.15 horas) e ás 20:00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire acto colectivo da conmemoración do Día Internacional da Danza coa participación de diversos centros de ensinanza de danza clásica e contemporánea de Galicia.
  • Domingo, 29 de abril, ás 18:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire: actuación das distintas escolas de danza da cidade de Lugo, Espazo artístico 10, Gravitty, Mercedes Castro, Star Dance, Teresa Neri e Victoria Gil.

Actuacións na rúa

Ademais das representacións mencionadas tamén haberá danza polas rúas da cidade:

  • Mércores 25 de abril, ás 17:00 horas, na Praza Maior: Espazo artístico 10. Bailes Tradicionais, obradoiro de bailes tradicionais para toda a familia.
  • Venres, 27 de abril, ás 17:00 horas, na Praza Anxo Fernández Gómez: Escola de Danza Star Dance e no Centro de día para maiores Alalás, Espazo Artístico 10 bailes tradicionais e ás 19:00 horas, no Fondo da Praza Maior, Victoria Gil Danza & Escena.
  • Sábado, 28 de abril, ás 17:00 horas, no fondo da Praza Maior: Escola de Danza, Gimnasia e Espectáculos Gravitty.

Mulïer – MaduixaTeatre

Nesta edición, a Semana da Danza acolle á compañía valenciana Maduixa Teatre coa peza Mulïer, un espectáculo en zancos, interpretado por cinco bailarinas a prol das mulleres que pretende investigar os límites físicos da danza, o equilibrio, as emocións e a poesía. O espectáculo xorde da necesidade de explorar a identidade feminina a través do xogo corporal, facendo fincapé na imaxe, a poética visual e a narración para chegar á sensibilidade do espectador. Este espectáculo é unha homenaxe a todas as mulleres que durante séculos loitaron para manter vivo o seu eu salvaxe.

A Compañía Maduixa Teatre naceu no ano 2004 e logrou consolidarse no sector profesional da danza a través da creación de espectáculos singulares, un traballo rigoroso e unha delicada investigación, corporal e artística, no proceso das súas montaxes. Así mesmo realizaron unha extensa xira por máis de 20 países de Europa, Asia, Norte América e Centro América, recibindo unha vintena de premios.

Audio

Máis info

Noticias relacionadas