Deportes programou a inicios da semana a substitución dos filtros da piscina de Frigsa para evitar futuras avarías logo da rotura dun deles

A incidencia supuxo a perda de 150.000 litros de auga no vaso máis fondo das instalacións.

O seu enchido provocou a baixada da temperatura da auga, que sae da traída a 11º e debe quentarse até os 28’5º. Actualmente o vaso está xa a 28º.

O edil Mauricio Repetto lamentou as molestias ocasionadas á cidadanía e explicou que os técnicos traballan na solución dende o mesmo día que tiveron coñecemento da problemática.

Venres, 17 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Deportes programou a inicios da semana a substitución dos filtros da piscina de Frigsa para evitar futuras avarías logo da rotura dun deles

A área de Deportes programou xa, a inicios desta semana e con carácter urxente, a substitución dos filtros de tratamento da auga da piscina climatizada de Frigsa, logo de que o pasado domingo se detectase nela unha avaría.

A deficiencia derivou da rotura dun destes compoñentes que supuxo a perda de 150.000 litros de auga no vaso máis profundo das instalacións.

“Dende o mesmo momento que se tivo coñecemento da incidencia o persoal técnico acudiu ás dependencias para coñecer a orixe da problemática e tentar atallala. Unha solución que pasou pola reparación inicial dos aparatos afectados entre os que se inclúen as bombas de impulsión”, explicou o edil Mauricio Repetto quen tamén fixo referencia á antigüidade dos equipamentos, instalados no ano 90, cando se inaugurou o recinto e que “logo de 31 anos seguen en funcionamento a pesar do uso intensivo que se fai das piscinas, debido, precisamente, a bo mantemento e conservación que se fai das mesmas”.

O concelleiro sinalou tamén que o enchido do vaso supuxo unha diminución da temperatura da auga, que sae da billa a 11º e ten que quentarse até alcanzar aos 28’5º.

“Neste momento o vaso está xa nos 28º. Dende aquí, queremos trasladar as nosas desculpas á cidadanía polas molestias ocasionadas, explicarlles que esa diferencia na sensación térmica que perciben cando se meten na piscina estes días se debe a esta situación e que, non só está en vías de solución, senón que ademais interviremos para proceder á substitución dámbolos dous filtros co obxectivo de atallar que esta anomalía se reproduza”, afirmou Repetto Morban.

“Unha intervención que procederemos a executar á maior brevidade posible só condicionada pola subministración dos materiais necesarios”, engadiu en alusión á situación de desabastecemento que sofren, dende hai meses, algúns mercados e á futura folga na distribución que, nas vindeiras semanas, pode afectar a todo o país.

 Audio

  • O edil de Deportes, Mauricio Repetto, sobre a avaría das Piscinas de Frigsa | Descargar mp3

Noticias relacionadas