Concello e Xunta mantiveron unha xuntanza para “atender ás necesidades do ensino de Lugo e establecer canles de comunicación entre ambas institucións”

Felipe Rivas: “neste momento, a Xunta de Galiza aporta menos do 7% do orzamento dos comedores escolares”

Felipe Rivas anunciou o compromiso da concellería de educación “de estar atentas ás necesidades dos centros de ensino”

Mércores, 04 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Xunta mantiveron unha xuntanza para “atender ás necesidades do ensino de Lugo e  establecer canles de comunicación entre ambas institucións”

O Concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, vén de reunirse coa Delegada Territorial de Educación da Xunta de Galiza para, segundo indicou Felipe Rivas, “establecer canles de comunicación entre ambas institucións e así mellorar a atención que estamos a dar á comunidade educativa de Lugo”.

O edil nacionalista trasladou o seu compromiso de “dar atención ás necesidades dos centros educativos do Concello”, e pediu á Xunta “a mesma implicación neste asunto”. “As solicitudes dos centros de ensino que o Concello non pode asumir foron tamén outro dos temas a tratar nesta xuntanza”, declarou Felipe Rivas, que engadiu “o uso que lle estamos a dar ás instalacións educativas tamén foi outro dos temas desta xuntanza”. A este respecto, Rivas anunciou o compromiso da Concellería de Educación para “traballar en permitir que os pavillóns se poidan usar fora do horario lectivo como espazo de lecer”.

Outra das reivindicacións que Felipe Rivas trasladou nesta xuntanza foi a situación dos comedores escolares. “O Concello de Lugo está a facer un importante esforzo económico para que as familias lucenses poidan contar con este servizo que facilita enormemente a conciliación familiar”, declarou o edil nacionalista, e engadiu “esiximos á Xunta de Galiza que aumente a súa colaboración para un servizo que no último ano foi usado por máis de 600 nenas e nenos, e para o que está a aportar actualmente menos dun 7%”.

Noticias relacionadas