Concello e Deputación impulsan, por 1ª vez en Lugo, o Festival Galego de Cultura Xorda

Será o sábado no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Participarán artistas xordos de toda a Comunidade. Haberá música, teatro, danza, monológos... Prevese a asistencia de 300 persoas

É unha iniciativa que dende hai 5 anos promove a FAXPG e que, por 1ª vez, acolle Lugo grazas á colaboración que o organismo local e provincial lle prestan a ASORLU

As dúas administracións destinan 30.000 euros á contratación de intérpretes e á organización de actividades que favorezan a integración dos 3.000 lucenses xordos

Xoves, 19 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación impulsan, por 1ª vez en Lugo, o Festival Galego de Cultura Xorda

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Gonzále, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Benestar e Igualdade, Sonsoles López, xunto á Vicepresidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Jovita Fernández, e ao representante da Asociación de Persoas Xordas de Lugo (ASORLU), Alberto Mejuto, presentaron este xoves o Festival Galego de Cultura Xorda

Trátase dunha iniciativa que dende hai 5 anos promove a FAXPG e que, por 1ª vez, acolle Lugo grazas á colaboración que Concello e Deputación lle prestan a ASORLU. Terá lugar este sábado, 21 de outubro, no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Prevese a asistencia de 300 persoas de toda a comunidade. Participarán artistas das distintas asociacións galegas de dita Federación. Haberá exposicións de pintura, teatro, certames de poesía, curtametraxes, monólogos....O seu obxectivo é recoñecer e pór en valor o traballo que realizan as persoas xordas no eido cultural, amosando que non hai barreiras.

“Silencioso e con moito que dicir”

“Será un festival silencioso aínda que con moito que dicir, co que colaboramos os Gobernos da Deputación e do Concello de Lugo dentro da nosa aposta compartida pola igualdade de oportunidades e a integración social. Baixo esta premisa, ambas as dúas administracións colaboramos con ASORLU cunha achega de preto de 30.000 euros que fan posible, máis alá da organización deste tipo de eventos, a contratación de intérpretes para que as preto de 3.000 persoas xordas da nosa provincia participen de forma activa na vida social. Creo que este festival é unha mostra moi visible de que, se sumamos esforzos, podemos romper barreiras”, destacou López Izquierdo.

Pola súa banda, Ana Abelleira fixo fincapé nesta cita como unha oportunidade de entender a cultura dende outra perspectiva, ao tempo que convidou ao pobo de Lugo a achegarse o auditorio este sábado.

Programa

O V Festival Galego de Cultura Xorda que organizan a Asociación de Personas Sordas de Lugo (ASORLU) e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), coa colaboración do Concello e a Deputación de Lugo, contará cunha exposición permanente de artistas xordos de toda Galicia. Ao longo da xornada participarán integrantes de distintas asociacións de todo o territorio galego en diferentes disciplinas: Asociación de Sordos de Vigo (ASV), Asociación de Personas Sordas de Ourense (APSOU), Asociación de Personas Sordas de A Coruña (ASPESOR), Asociación de Persoas Xordas de Ferrol (AXF), Asociación de Personas Sordas de Santiago de Compostela (APSSC), Asociación Persoas Xordas de Pontevedra (APXP).

A programación é a seguinte:

  • 11:00 horas.- Apertura e inauguración do festival
  • 11:30 horas.- Poesía. Complicidad, de María José Cruz e La Primavera Besaba. Antonio Machado, de Emilia Rodríguez
  • 12:20 horas.- Presentación do pintor Hipólito Xeada
  • 12:30 horas.- Monólogo Modo de sonrisa: ON, do artista Chifli
  • 13:00 horas.- Teatro. Representarase a obra La otra historia de caperucita roja por parte de actores e actrices de AXF
  • 13:45 horas.- Cortometraje. Sordas de Génesis Lence
  • 16:00 horas.- Presentación do pintor Pedro Quiñoa
  • 16:10 horas.- Mimo. Manuel de la Horta con el espectáculo Triste y Contento, y Carlos López con Los cambios
  • 16:45 horas.- Teatro. A compañía Manos K Ríen representará Cine Mudo. Baile Galego Tradicional por parte de APPSC. Santi Pose e Ignacio Fuente representarán First Dates Deaf
  • 17:45 horas.- Teatro. La compañía Manos K Ríen representará La gabardina
  • 18:20 horas.- Ana Senra interpretará a canción A nosa terra
  • 18:50 horas.- Presentación da pintora Fina Eiros
  • 19:00 horas.- Teatro. A compañía K Ríen representará Recuerdos
  • 19:15 horas.- Experiencia persoal. Una visión motera del mundo por parte do austríaco Marko Istvan
  • 20:15 horas.- Clausura

Documentos

Noticias relacionadas