Concello e Cruz Vermella amplían a súa colaboración para dar atención a persoas sen fogar

Venres, 01 de abril de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O persoal da Cruz Vermella será informada pola Policía Local das persoas que durman na rúa para que poidan darlle asistencia

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, acompañaron hoxe ó Presidente da Cruz Vermella, Luis Abelleira, na presentación dun programa de actuacións específicas co colectivo de transeúntes e persoas sen fogar.

Este programa supón unha ampliación da colaboración que manteñen o Concello e a Cruz Vermella para a atención das persoas sen fogar. Segundo explicou o Alcalde “xa levamos tempo colaborando coa Cruz Vermella, que ten experiencia acreditada, e, nestes momentos, nos que hai persoas que teñen especiais dificultades, é necesario ampliar o servizo de atención que prestan, ás veces de xeito moi calado, que significa unha grande axuda para as persoas que o necesitan”.

O Alcalde tamén lle agradeceu á Cruz Vermella o traballo que fai a favor das “persoas que parece que están apartadas da sociedade pero son homes e mulleres con igualdade de dereitos e que é necesario que unha sociedade democrática e desenvolvida os atenda”.

Pola súa parte, Luis Abelleira manifestou que se trata dun novo acordo co Concello que vén cubrir unha lagoa xa que “faltaban certas cousas nas que debíamos actuar de xeito urxente porque, en tempos menos convulsos, buscan axuda pero agora temos persoas que, ás veces, son incapaces de buscar quen lles dea apoio, así que, con este convenio, poñemos o servizo dos asistentes sociais no circuíto da rúa para detectar casos que están aí e nos necesitan”

Tamén explicou que o novo acordo “vincula ó Concello e á Cruz Vermella pero, sobre todo, á Policía Local e ó noso persoal” co obxectivo de chegar a persoas que non son capaces de acudir a nós e imos saír buscalas á rúa”. O programa supón que a Policía Local alertará a persoal da Cruz Vermella cando detecte persoas durmindo na rúa ou exercendo a mendicidade para que a entidade lles poida dar atención e, a súa vez, o persoal da entidade contará con apoio policial cando se produzan situacións nas que precisen de asistencia.

Abelleira explicou que grazas a este programa, que se desenvolverá durante todo o ano con subvención municipal, “poténciase o que xa facíamos” xa que se vai “investigar na propia rúa o que está pasando“ pero aclarou que se trata dunha ampliación dos servizos existentes porque “os recursos existentes para atender ás persoas sen fogar van seguir funcionando”.

A Concelleira de Benestar Social detallou que os servizos dirixidos a transeúntes e persoas sen fogar inclúen, entre outros, alimentación, aseo persoal, lavandería, lugar no que pernoctar.

Multimedia

Noticias relacionadas