Concello e asociación de hostalería impulsan a riqueza gastronómica de Lugo co XI Concurso de Tapas

Lara Méndez, Carmen Basadre e Cheché Real presentaron a nova edición desta cita culinaria, que terá lugar entre o 11 e o 27 de setembro nos locais hostaleiros da cidade

Venres, 31 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello colabora con este certame cunha achega de 15.000 euros. “Enmárcase na nosa aposta por promover un turismo do século XXI: cultural, gastronómico, accesible, interactivo e ben posicionado”, subliñou Méndez

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, presentaron este xoves no Salón de Plenos do Concello o XI Concurso de Tapas de Lugo, que acollerán os locais hostaleiros da cidade do 11 ao 27 de setembro. O Concello colabora con esta cita gastronómica cunha achega económica de 15.000 euros. “Enmárcase na nosa aposta por promover un turismo do século XXI: cultural, gastronómico, accesible, interactivo e ben posicionado”, asegurou Méndez.

A rexedora subliñou a “estreita” colaboración que se estableceu ente Concello e APEHL para potenciar a Lugo como destino gastronómico. “Respaldar este certame significa reivindicar o noso: o noso patrimonio, a nosa gastronomía, a nosa arqueoloxía e o noso pasado romano”.

“Esta cita gastronómica reúne en Lugo a centos de visitantes para saborear as creativas propostas gastronómicas concursantes, oportunidade que non podemos deixar escapar para dinamizar o sector turístico”, afirmou a Alcaldesa.

Pola súa banda, Cheché Real agradeceu a colaboración do Concello, ao tempo que destacou que “a gastronomía é un dos atractivos máis interesantes da nosa cidade”.

Neste senso, tamén incidiu Basadre, quen aproveitou para animar aos hostaleiros a sumarse a esta iniciativa, que cada ano renova o atractivo gastronómico da cidade ao tempo que impulsa a marca … E para comer Lugo.

17 días para tapear
No acto, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo adiantou novidades con respecto ás anteriores edicións, froito das suxerencias dos establecementos participantes.

Nesta undécima edición do Concurso de Tapas, o público terá dereito a votar sen ter que visitar 3 establecementos. Ademais, serán os participantes os que decidirán cos seus votos os 12 locais máis votados, 2 máis que a pasada edición.

O público elixirá a mellor tapa popular, con maior aceptación. Anteriormente, determinaba coa súa votación o establecemento gañador. Nesta ocasión será o xurado técnico o que xulgue estes 12 locais, de onde sairá a tapa gañadora do concurso. Este xurado outorgará ademais os premios á mellor tapa tradicional e á mellor tapa creativa, ademais das maridaxes con viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra ou a que mellor use a cervexa Estrella Galicia como ingrediente.

O público poderá degustar as tapas en horario de 13:00 a 15:30 horas e de 20:30 a 22:00 horas, durante os 17 días que durará o concurso. O prezo da tapa estará comprendido entre 1 e 3 euros.

Todos os locais hostaleiros interesados en participar poden inscribirse ata o vindeiro venres, 7 de agosto.

Noticias relacionadas