Concello e Armada de Ferrol renovan unha vez máis os vínculos que os unen dende hai máis de 60 anos

A Alcaldesa e o Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol presidiron a tradicional parada militar, que congregou na Praza Maior a numerosos lucenses e visitantes

A Armada escoltará esta tarde á Virxe da Esperanza durante a procesión, que terá lugar a partir das 20:30 horas polas rúas do casco histórico

Luns, 21 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Armada de Ferrol renovan unha vez máis os vínculos que os unen dende hai máis de 60 anos

O Concello de Lugo e a Armada de Ferrol renovaron esta mañán os lazos que unen a ambas institucións dende hai máis de 60 anos nos actos da Semana Santa,  concretamente na procesión da Virxe da Esperanza, que un ano máis será escoltada polas rúas de Lugo pola Armada.

Os actos arrincaron na  Casa do Concello, onde a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada polo presidente da Deputación, Darío Campos, o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e o resto da Corporación municipal recibiron ás autoridades da Armada. Nos actos tamén participaron representantes da Confraría da Virxe da Esperanza.

Deseguido, as autoridades trasladáronse á Praza Maior, diante da Casa Consistorial, onde estaban formadas as tropas. Despois de pasar revista ás tropas e saúdar ás autoridades, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Almirante Xefe da Armada, Francisco Javier Romero Caramelo, presidiron a tradicional parada militar, na que se rendeu homenaxe aos “caídos”. Posteriormente  tivo lugar un desfile de tropas, diante da atenta mirada de centos de lucenses e visitantes. Unha vez rematado o desfile, o Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol asinou no Libro de Ouro do Concello.

Lara Méndez, quen deu a benvida a Lugo á Armada, puxo en valor estes actos para continuar estreitando lazos entre Ferrol e Lugo, agardando que esta relación alcance a antigüidade da Muralla. Neste senso, insistiu na colaboración da Armada coa Semana Santa de Lugo, sendo a de hoxe unha cita moi especial tanto para os lucenses, como para os visitantes, pois nos últimos anos os actos do Luns Santo convertéronse en cita obrigada da Semana Santa lucense.

Pola súa banda, o Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol subliñou a importancia de participar neste actos da Semana Santa luguesa, para mostrar aos lucenses a tradición da Armada, e que serven ademais “para estreitar relacións con esta bimilienaria cidade que sempre nos recibe con un gran afecto e unha gran hospitalidade”.

Procesión da Virxe da Esperanza

Pola tarde, ás 20:30 horas, está programada a saída da procesión da Virxe da Esperanza da Igrexa da Nova, que irá escoltada pola Armada. Recorrerá a Praza Anxo Fernández Gómez, Campo Castelo, Ronda da Muralla, Bispo Aguirre, Praza Maior, Conde Pallares, Santo Domingo, rúa da Raíña e Praza Maior –diante do Concello-, para rematar na Praza Anxo Fernández Gómez.

Esta tradición ten a súa orixe nos anos da Guerra da Independencia, cando o Tercio Norte tomou parte activa na defensa da cidade de Lugo, en 1809, derrotando aos franceses no sitio actual das Gándaras. Esa vitoria do Tercio Norte evitou a toma da cidade polas tropas de Napoleón. Xa a mediados do século XX, en 1953, o entonces Ministro da Mariña recibiu, no nome da Armada, o título de Irmán Maior Honorario da cofradía da Virxe da Esperanza e a partir desa data a Armada participa ininterrumpidamente nos actos da Semana Santa de Lugo escoltando na súa procesión a Virxe da Esperanza.

Multimedia

  • Concello e Armada de Ferrol renovan unha vez máis os vínculos que os unen dende hai máis de 60 anos

Noticias relacionadas