Concello, Deputación e Federación garanten unha nova edición do Día do Veciño, que reunirá a case 4.000 veciños

Lara Méndez,  Darío Campos e Jesús Vázquez, acompañados de cincuenta representes das asociacións, presentaron esta cita que terá lugar o 23 de setembro no Pazo de Feiras e Congresos da capital lucense

No xantar, que ten un custo simbólico de 3 €, poderanse degustar produtos típicos da provincia como pementos de Mougán, chourizos Ceide, empanadas Illán, embutidos de Gadis, pan de Antas de Ulla ou viño de Chantada 

Luns, 17 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Deputación e Federación garanten unha nova edición do Día do Veciño, que reunirá a case 4.000 veciños

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o Presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, presentaron este xoves a programación do Día do Veciño, que chega xa a súa 17 edición, e que terá lugar o domingo 23 de setembro, no Pazo de Feiras e Congresos da capital lucense. No acto, participaron tamén preto dun cento de representantes de asociacións de veciños da provincia que conforman a federación. Esta cita conta co apoio do Concello e a Deputación, así como ABANCA ou GADIS.

No acto, Lara Méndez destacou “o grande traballo que a Federación de Veciños leva a cabo para conseguir mellorar os dereitos dos lucenses, en ámbitos tan importantes como o sanitario, infraestruturas no rural ou comunicacións, esenciais tanto para a cidade de Lugo como para toda a provincia”. Neste senso, a rexedora municipal apuntou que “o tecido asociativo lucense é sen dúbida algunha un dos piares máis importantes dos que dispomos, feito que debemos preservar pois, Lugo non se entende sen a Federación, Lugo non se entende sen os seus veciños”.

Pola súa banda, Darío Campos subliñou que “dende o Goberno da Deputación, traballamos por ser una administración coas persoas, sumamente social e rural. Por iso non quixemos desaproveitar esta ocasión para estar ao carón dos nosos veciños, pois, como administración pública que somos, debemos estar sempre preto deles, para coñecer as súas necesidades e ofrecerlles as respostas axeitadas”. Ademais, Campos Conde lembrou que recoñecer a inmensa labor da Federación que, xunto coa Deputación, na defensa dos intereses dos veciños da provincia: hemodinámica 24 horas, medicina nuclear ou a mellora do Vello Xeral; o transporte público ou as axudas da PAC, entre outros...

Jesús Vázquez agradeceu a colaboración dos Gobernos Municipal e Provincial “que sempre amosaron a súa disposición por colaborar connosco, tendéndonos a man e recibíndonos sempre coas portas abertas”. 

Programación da xornada e promoción dos produtos lucenses

A partires das 9:00 horas do domingo 23 de setembro, máis de 100 voluntarios e voluntarias comezarán a traballar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo para ter listos todos os preparativos deste evento. A entrada, de carácter simbólica, é de 3 euros. Coma todos os anos, ás 12:00 horas da mañá, terá lugar un partido de fútbol no campo da Cheda. Ao remate, e xa na explanada contigua ao Pazo, haberá sesión vermú amenizada por grupos de música tradicional e bailes a cargo da Escola Ritmo Lugo. O inicio do xantar está previsto ás 13:30 horas.

Os preto de 4.000 participantes terán no menú produtos lucenses como pementos de Mougán, chourizos Ceide, empanadas Illán, embutidos de Gadis, pan de Antas de Ulla ou viño de Chantada, promocionando, deste xeito os produtos da provincia. Durante o transcorrer do xantar, intercalaranse tamén actuacións de diferentes grupos musicais.

V de Veciño

Outro dos obxectivos deste encontro é a entrega dos premios V de Veciños. Trátase duns premios cos que se homenaxea e recoñecen a labor socios que, no decorrer deste ano, destacaran por desempeñar un especial protagonismo a prol da dinamización e promoción da súa comarca, e polo tanto da provincia. Neste ano serán galardoados, por exemplo, o voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, o Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, ao CB Breogán, así como a medios de comunicación e empresarios lucenses comprometidos coa provincia.

Federación de Asociacións de Veciños de Lugo

Como subliñar que a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo é xa, a estas alturas, o colectivo veciñal máis numeroso de Galicia tendo en conta que con xa con 300 asociacións de toda a provincia. Son, en total, uns 20.000 lucenses os que compoñen esta dita federación lucense. O marcado carácter provincial da Federación xustifica a estreita colaboración que tanto por parte da Deputación como do Concello se presta para facer posible que continúen a levar a cabo toda esta dilatada labor de actividades que están encamiñados a defender os dereitos dos lucenses.

Noticias relacionadas