Concello de Lugo e Subdelegación de Goberno clarifican que as cifras de ocupación non se corresponden coa alarma social creada

A Policía Nacional ten constancia de 6 inmobles ocupados, todos abandonados. Non son primeiras nin segundas vivendas e os ocupantes son persoas en risco de exclusión social

A alcaldesa e a subdelegada reuníronse nunha mesa de traballo coa Policía Nacional e Local para analizar a situación no municipio e piden que non se infunda temor na poboación

Lara Méndez avanza que solicitará á Xunta maior implicación en políticas de vivenda pública en Lugo. “Hai un millar de demandantes e preocúpame que aumenten coa crise económica”

Isabel Rodríguez comentou que non creceu o número de altercados na cidade e que Lugo se mantén como un dos municipios máis seguros de Galicia e de España

Mércores, 23 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello de Lugo e Subdelegación de Goberno clarifican que as cifras de ocupación non se corresponden coa alarma social creada

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, así como os máximos responsables da Policía Local e Nacional mantiveron esta mañá unha mesa de traballo, na que se abordou o fenómeno de ocupación na cidade para analizar a situación actual que, segundo se puxo de manifesto na reunión, ofrece uns datos que non se corresponden coa alarma social que se está a xerar entre a veciñanza.

Nestes momentos, segundo as cifras que manexa a Policía Nacional, son seis as vivendas que están ocupadas no municipio, pero en todos os casos se trata de inmobles totalmente abandonados, é dicir, non son primeiras ou segundas vivendas, nin pisos turísticos nin de aluguer, como está a suceder noutras cidades. En canto aos perfís das persoas que ocuparon as instalacións, son cidadáns en risco de exclusión social.

Ao longo deste ano se deron máis casos en Lugo, pero xa foron desaloxadas de maneira voluntaria ou trala intervención das forzas de seguridade. Neste punto, se advertiu da importancia da implicación cidadá, alertando destas situacións para que se poida actuar canto antes, porque en moitas das vivendas afectadas non se presentou nin denuncia. 

Tanto a rexedora como a subdelegada de Goberno quixeron mandar unha mensaxe de tranquilidade á poboación sobre un fenómeno que non é novo e que afecta a todos os concellos, pero que en Lugo non alcanza as dimensión doutras cidades, “polo que debemos ser moi cautos e non atemorizara á poboación con datos falsos ou con informacións pouco contrastadas, que crean unha preocupación sen fundamento e que dana a imaxe de Lugo”.

Non obstante, Lara Méndez sostivo que “estes datos reflicten unha carencia de vivendas a prezos razoables para moitas persoas. Actualmente, están rexistrados en Lugo preto dun millar de solicitantes de vivenda de protección oficial ou pública, número que pode aumentar ante a grave crise económica e social que atravesamos”.

Por iso, a rexedora avanzou que unha das peticións que o Concello fará chegar á Xunta de Galicia, a administración coas competencias en vivenda, é a construción na cidade de pisos sociais. “Temos que lembrar que nos orzamentos do 2020, a Xunta destinou 545.700 euros para a promoción de vivenda pública pero para toda a provincia, e que en Lugo, sen embargo, teñen terreos destinados á súa construción, pero onde non se contempla edificar de momento”.

Pola súa banda, a subdelegada incidiu en que o Goberno xa está actuando con novas instrucións para axilizar a expulsión exprés da ocupación en función de se é allanamento de morada ou usurpación pacífica de inmobles.

Altercados

Na mesa de traballo tamén se abordaron os altercados na cidade, que non se incrementaron respecto a outros anos, aínda que a poboación os visualiza máis porque se producen a horas máis temperás. Os datos do 2019 amosan que Lugo segue a ser a capital máis segura de Galicia e unha das máis seguras de España, segundo comentou Isabel Rodriguez

Esta mesa de traballo se enmarca na estreita colaboración que manteñen a alcaldía de Lugo e a subdelegación, así como a Policía Nacional e Local, que se incrementou durante o confinamento  e que supón non só a realización de reunións periódicas, senón a coordinación de dispositivos de actuación conxuntos que redunden nunha mellora da seguridade cidadá.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre as cifras de ocupación | Descargar mp3

Noticias relacionadas