A Concellería de Protección da Comunidade advirte de que as xeadas poden dificultar a circulación nas próximas horas e recomenda evitar o uso de vehículos particulares

Xoves, 02 de decembro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Durante o día empregáronse 10,8 toneladas de sal para facilitar a circulación en Lugo

A Concellería de Protección da Comunidade, que dirixe José Rábade, advirte de que nas próximas horas o maior perigo para a circulación pode ser o risco de xeadas polo que aconsella ós veciños que, na medida do posible, eviten empregar vehículos particualres.

O dispositivo que ten montado o Concello para a noite está formado por 13 axentes da Policía Local e 10 voluntarios de Protección Civil. Ademais a concesionaria Urbaser conta con dous camións, un furgón, un carriño para facer o reparto de sal de xeito manual e outro camión para desprazarse ós lugares que fora necesario.

No turno da tarde traballaron neste dispositivo 14 policías locais e 2 voluntarios de Protección Civil e na xornada de hoxe espalláronse polas rúas e estradas de Lugo dependentes do Concello 10,8 toneladas de sal, 8 delas a cargo de Urbaser e as 2,8 restantes Protección Civil. En previsión da chegada do temporal de neve, Urbaser fixo acopio de 65 toneladas de sal e Protección Civil doutras 24.

A Concellería tamén comunicou a última hora da tarde de que a Garda Civil non permite a circulación de vehículos pesados pola Autovía do Noroeste dirección Madrid, e está retendo os vehículos na zona do Ceao.

Tocante ó servizo de transporte público, os autobuses que comunican con Ramil tiveron esta tarde problemas para circular, de xeito que se viron obrigados a facer o cambio de sentido na glorieta dos Claveis xa que non o podían facer na estrada de Friol. Tampouco poden circular os autobuses urbanos por Camiño da Roca e a Calzada das Gándaras, por Bosende e por Albeiros. E prevese que se produzan máis problemas a medida que avance a noite.

A Concellería de Protección da Comunidade informa de que durante a tarde apenas houbo incidencias en Lugo. Só se rexistraron na Policía Local unha chamada que comunicou a existencia de problemas para circular por Camiño Romai e outra solicitude para botar sal na estación de servizo de San Rafael, onde acudiu Protección Civil e informou de que se trataba dunha zona privada.

Noticias relacionadas