A concellería de Educación pecha a Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz debido ao contaxio dunha educadora

Felipe Rivas: “malia que o risco de contacto coas crianzas foi moi pequeno decidimos, por responsabilidade, pechar a instalación”

A Concellería de Educación mostra a súa disposición a colaborar coas autoridades sanitarias

Venres, 25 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento vén de comunicar ás familias o peche da Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz debido ao contaxio dunha das educadoras que traballan no centro. Segundo declarou o edil responsábel, Felipe Rivas, “os protocolos que están a seguir as educadoras das escolas permiten confirmar que as posibilidades de contacto coas crianzas foron moi pequenas, mais por responsabilidade decidimos proceder ao peche da instalación”.

Felipe Rivas informou que “desde a confirmación do contaxio, na mañá de hoxe, mantivemos contacto contínuo coas autoridades sanitarias para proceder segundo as súas indicacións”. Rivas manifestou a súa disposición a “colaborar coas autoridades sanitarias en todo o que sexa posíbel para poder continuar a ofertar este servizo público cando sexa seguro”.

O resto de traballadoras e traballadores da escola serán sometidas a probas para descartar unha maior incidencia do virus na instalación e a edificación será sometida a unha desinfección seguindo os protocolos elaborados polo Concello de Lugo.

Audio

  • O edil de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, sobre a Escola Infantil Gregorio Sanz | Descargar mp3

Noticias relacionadas