Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 24 ao 26 de setembro

Luns, 27 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Delitos contra a seguridade viaria

Sobre as 1:00 horas do día 25 de setembro, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta na Praza de Avilés a circulación dun vehículo que carece de iluminación, dándolle o alto e comprobando que o seu condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,82 mg/l, sendo trasladado á Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Na mesma noite, sobre as 4:25 horas, outra patrulla do Grupo Operativo Nocturno detecta a condución irregular dun vehículo pola rúa Mariña Española, comprobando que o seu condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,71 mg/l, sendo trasladado á Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido. Ademais compróbase que non porta documentación algunha e ten caducada a ITV, abríndose expediente sancionador para a súa remisión ao órgano competente.

Ambos os vehículos foron inmobilizados na vía pública.

Sobre as 17:40 horas do día 26 de setembro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, observa como un vehículo circula pola rúa Mar Cantábrico de modo neglixente, comprobando que o seu condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,79 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizándose o vehículo.

Infracción á Lei de Seguridade Cidadá

Levántase acta de denuncia por infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá contra un home de 44 anos que foi identificado por unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo na esquina da Avenida de Ramón Ferreiro coa rúa Rodríguez Mourelo xa que, segundo testemuñas presenciais, camiñaba pola rúa Bispo Aguirre cos pantalóns baixados, ensinando os xenitais. Os axentes observan que dita persoa levaba uns pantalóns curtos e, ante a presenza dos policías, levantáraos apresuradamente. Aínda que neses momentos os tiña subidos, tapando os xenitais, podíase apreciar que estaban baixados na zona do glúteo, por baixo das nádegas. Proponse sanción de 601 a 30.000 euros para a súa remisión á Subdelegación do Goberno pola realización de actos de exhibición obscena.

Auxilio á cidadanía

Sobre as 2:25 horas do día 25 de setembro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio da rúa Portugal xa que unha persoa caera no interior da súa vivenda. Os axentes comproban que unha muller de 70 anos caera no baño e o seu marido era incapaz de levantala, procedendo os policías a auxiliar a esta persoa, incorporándoa e sentándoa na cadeira de rodas, sen necesidade de asistencia sanitaria.

Ruídos en interior de domicilio

Sobre as 23:30 horas do día 25 de setembro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acode a un inmoble da rúa Mar Cantábrico xa que a veciñanza queixábanse dos ruídos molestos que proviñan dunha vivenda. Os axentes comproban que se escoitaba música en ton moi elevado, procedendo á identificación do responsable, o cal manifesta que se atopa en compañía duns amigos e que non era consciente das molestias que causaba, sendo requirido para que cesen, o que fai ao instante, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Noticias relacionadas