Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Luns, 23 de decembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Auxilio a cidadáns

Ás 14’15 horas do venres, o Servizo 112 informa á Sala do 092 de que un enfermo do módulo psiquiatría fuxiu do hospital polo que, tras realizar as indagacións oportunas, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio conseguen localizar ao fuxido no interior do seu domicilio, sendo solicitada a presenza dunha ambulancia. Aínda que nun principio o home negábase a colaborar, finalmente foi convencido para o seu traslado ao centro hospitalario, o cal se realizou na ambulancia comisionada, con acompañamento policial.

Ás 9’30 horas do mesmo día, un indicativo de Policía de Barrio desprázase á rúa Conde, desde onde un cidadán informara da presenza dun home maior, que resultou ter 83 anos de idade, pedindo indicacións para chegar á estación de ITV do Polígono Industrial do Ceao. Os axentes comproban que o home se atopa totalmente desorientado, véndose obrigados a acompañarlle ao seu lugar de destino. Despois de comprobar que, ao seu parecer, o ancián non mantiña as condicións psicofísicas necesarias para o permiso de conducir, confeccionaron acta coa proposta dunha revisión médica extraordinaria.

Ás 5’00 horas do sábado, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse a un inmoble da rúa Tinería onde o Servizo 061 require colaboración, xa que hai un home moi alterado no domicilio, tras a inxesta de alcol e drogas. Finalmente procédese ao seu traslado ao HULA con acompañamento policial.

Ás 21’30 horas do sábado, os axentes de Policía de Barrio auxilian a un home maior que se caeu no seu domicilio e ao que a súa esposa non era capaz de levantar.

Presunta agresión

Ás 17’50 horas do sábado, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio é comisionada nun inmoble da rúa Alfredo Brañas, xa que desde unha das vivendas manifestan que hai unha persoa golpeando a porta de entrada, con intención de provocar e ameazar ao requirente, xa que esa mesma mañá pelexáronse. Cando os axentes chegan ao lugar, localizan ao home que presuntamente golpeaba a porta no exterior do edificio, presentando un golpe nun pómulo e un corte sanguento nun beizo. Di ser agredido polo residente no piso de requirimento por motivos persoais e, ante o ofrecemento dos policías, desexa asistencia sanitaria, polo que se reclama a presenza dunha ambulancia.

Os axentes tamén contactan coa parella residente no piso, quen di que o home golpeaba a porta e o home do piso saíu fóra e pelexáronse.

Ambas as partes manifestaron a súa intención de denunciarse, polo que foron informados do procedemento para seguir para formalizar denuncia.

Requirimentos por ruídos

Ás 2’20 horas do sábado, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse a unha vivenda da rúa Mestre Soutullo, onde había queixas veciñais polo ruído procedente dun dos pisos. Os axentes comprobaron que había varias persoas falando nun ton elevado, polo que advertiron aos moradores das molestias que estaban a causar, as cales cesaron de inmediato.

Persoa chamando insistentemente ao timbre

Ás 23’30 horas do venres, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno foi comisionado nunha vivenda da zona sur da cidade, onde había un home chamando insistentemente ao timbre dun piso causando molestias.

Os axentes localizan ao home no exterior do edificio, manifestando que a requirente traballara para el e que lle debe diñeiro, polo que estaba a chamar para reclamarllo. O home foi informado de que ese non era o procedemento e como habería de facer para reclamar a débeda, tras o cal ausentouse do lugar.

Presuntos malos tratos no ámbito familiar

Ás 23’10 horas do domingo, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno trasládase a un domicilio do norte da cidade onde, segundo chamada telefónica, unha muller está a agredir e insultando aos seus pais, cos que convive. Os axentes son informados de que, desde hai meses, escóitanse berros e golpes procedentes do piso en cuestión, situación que se agravou nos últimos días. Os axentes acceden ao domicilio con permiso da súa moradora, comprobando que presenta gran desorde e sucidade. Os anciáns, de máis de 90 anos de idade, atópanse encamados e non son capaces de comunicarse cos axentes, posiblemente por unha diminución das súas capacidades cognitivas.

Solicítase a colaboración de servizos sanitarios que, tras unha primeira valoración, procede ao traslado de ambos os anciáns a un centro hospitalario.

Os axentes localizan e identifican a varias testemuñas dos feitos que veñen sucedendo desde hai días; localizando tamén a outra filla da parella, que é informada de todo o acontecido, que tamén se pon en coñecemento dos servizos especializados de investigación para a depuración de posibles responsabilidades.

Filtros de seguridade viaria

Realizáronse controis de velocidade co cinemómetro portátil en varias vías da cidade, durante os cales os operadores de radar detectaron e denunciaron 14 infraccións por exceso de velocidade.

2 delitos contra a seguridade viaria, por conducir un vehículo de motor coa autorización para conducir retirada por sentenza xudicial.

1 delito contra a seguridade viaria, por conducir un vehículo de motor baixo a influencia de bebidas alcohólicas, con resultados de 0.87 e 0.98 mg/L.

5 positivos administrativos en probas de alcoholemia, con resultados de 0.37/0.35; 0.39/0.40, 0.33/0.33, 0.35/0.34 e 1.37/1.34 mg/L, sendo o último deles condutor dun vehículo de mobilidade persoal (VMP).

2 positivos en probas de drogas, sendo un deles condutor de VMP.

Infraccións detectadas en Avd. Coruña, C. Portugal, C. Prado, C. Dinán, C. Montirón e Praza do Rei.

Localización de 4 vehículos sobre os que constaba orde de precinto por parte da Autoridade Municipal, sendo trasladados ao depósito ata que os seus titulares regularicen a situación que provocou a súa procura e precinto.

Nunha das intervencións nas que o condutor ofreceu resultado positivo en alcoholemia, os axentes do Grupo Operativo Nocturno, ademais da intervención correspondente á inxesta do alcol, víronse na necesidade de confeccionar tamén unha acta - denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, tanto ao condutor do vehículo como á muller que lle acompañaba, xa que el mantivo en todo momento unha actitude que pretendía entorpecer o labor policial, chegando a ameazar aos axentes; e no caso da acompañante, que gravaba todo o ocorrido co seu teléfono móbil, negouse a identificarse cando os axentes solicitaron a súa documentación, tras advertirlle que a prohibición de publicar en redes sociais calquera dato persoal identificativo dos policías.

Sobre as 6’00 horas do domingo, a Sala do 092 recibiu información sobre un accidente de circulación, con saída de vía, na Avd. Infanta Elena, polo que comisiona de inmediato no lugar tanto á Unidade de Atestados como varios indicativos do Grupo Operativo Nocturno, que comproban que un turismo que circulaba cara ao centro da cidade, por motivos descoñecidos circulara parcialmente sobre a glorieta onde dita vía conflúe co vial de acceso a unha residencia da terceira idade, tras o cal atravesara a beirarrúa contraria , internándose na zona axardinada e chocando contra unha dos sinais de indicación. No lugar non se atopaba o condutor do vehículo, polo que os axentes iniciaron as investigacións pertinentes para a súa localización.

Noticias relacionadas