Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Venres, 22 de novembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Auxilio a cidadáns

Ás 11:40 horas do pasado luns, recíbese comunicación dunha farmacia sita na avenida da Coruña sobre unha muller desorientada. Desprázase ao lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio e contactan coa requirente, que manifesta que a anciá entrara no local para solicitar axuda, xa que non conseguía chegar á súa casa. Despois de realizar as investigacións necesarias, os axentes conseguen localizar o domicilio da muller, ata o cal a acompañan, comprobando que se atopa en bo estado.

Follas de reclamacións

Durante a tarde do martes, os axentes de Policía de Barrio acoden a un local de hostalería da rúa Illas Canarias, onde un cliente requiría o servizo policial xa que non lle facilitaban as follas de reclamacións. Os axentes son informados polo requirente de que, tras utilizar a máquina comecartos do local e entender que estaba estragada, dirixiuse á encargada do local que, segundo explicou o cliente, tratoulle de forma irrespetuosa, polo que solicitou as follas de reclamacións, que lle foron negadas, extremo que foi negado pola encargada. Esta manifestou que o atraso en facilitarllas foi debido á necesidade de atender a outros clientes, sendo informadas ambas partes do procedemento a seguir.

Discusión familiar

Durante a tarde do martes, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio foi comisionada nun domicilio da rúa Campos Novos, onde, segundo chamada telefónica, podería estar a se producir un caso de malos tratos no ámbito familiar.

Os axentes localizan a un mozo nas escaleiras exteriores do inmoble, que manifesta discutir co seu irmán. Tamén contactan co citado irmán, que se atopa no interior do piso, corroborando o exposto. Finalmente, tamén solicitan a versión da nai de ambos, que tamén está no piso, confirmando que só houbo unha discusión, pero sen ningún tipo de violencia, polo que se deu o servizo por finalizado.

Presunta ocupación

Durante a tarde do mércores, a Sala do 092 recibe información sobre tres homes e unha muller que están a tentar violentar a fechadura dun piso deshabitado da rúa Manuel Portela, polo que se despraza ao lugar de inmediato un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio. Os axentes comproban que se trata do titular da vivenda, que perdera as chaves da mesma, polo que finalizan o servizo sen máis novidade.

Requirimento por ruídos

Ás 00:55 horas do venres, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse a un inmoble da Rúa da Pomba, onde había queixas veciñais polo ruído procedente dunha das vivendas (música, palmas, berros …). Os axentes proceden á identificación dos moradores do piso en cuestión, que din non causar máis ruído do normal do desenvolvemento da vida familiar, sendo informados das queixas existentes e quedando decatados das mesmas.

Noticias relacionadas