Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 22 de maio de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Detención por violencia de xénero

A tarde do día 19 de maio unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da zona sur da cidade  xa que os veciños escoitan berros dun home e o pranto desconsolado dunha muller, crendo que pode estar en grave risco.

Os axentes preséntanse de inmediato e póñense á fala co home, que nega os feitos e, aínda que admite ter parella afirma estar só na casa. Porén, durante a realización dunha inspección á vivenda os policías atopan á muller dentro do canapé do dormitorio, que en estado de nerviosismo manifesta ter mantido unha discusión coa súa parella, que ao ser moi nervioso gritoulle moito e que nun momento dado fóronselle “os brazos ao pescozo”, causándolle erosións nesta última parte do corpo e escondéndoa dentro do canapé.

Os axentes, ante o estado de ansiedade da muller, solicitan a presenza dunha ambulancia do 061 para o seu traslado a un centro médico, procedendo á detención do home, de 21 anos de idade e con domicilio nesta cidade, e o seu traslado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado correspondente.

Inspección establecemento de hostalería

A madrugada do día 22, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta na zona norte da cidade, un café-bar que exerce a súa actividade excedendo do límite horario, habendo clientes no seu interior consumindo bebidas e ao decatarse da presenza policial, os clientes introdúcense na cociña do establecemento, para eludir a acción policial, levantándose acta de denuncia por infracción á normativa de Espectáculos Públicos.

Venda ambulante non autorizada

O día 21 de maio, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, de servizo no Parque da Milagrosa, con ocasión do mercadiño semanal, sorprenderon a catro persoas ocupando espazo público para venda ambulante non autorizada, levantan outras tantas actas de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, propoñéndose sanción para cada un deles de 600 euros.

Noticias relacionadas