
Filtros seguridade viaria
Durante os filtros de seguridade viaria realizados na fin de semana polos axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio e do Grupo Operativo Nocturno, detectáronse numerosas infraccións relativas a documentación, tales como permisos de conducir coa perda total de puntos (aínda que en prazo de recurso), inspeccións técnicas periódicas que non se pasaron no período regulamentario ou a falta de seguro obrigatorio, por todas as cales se iniciou o correspondente expediente sancionador.
Durante a noite de sábado a domingo, un dispositivo de control establecido na Praza do Rey deu o alto ao condutor dun vehículo que lanzou resultado positivo de 0.70 e 0.64 mg/L, nas probas de alcoholemia que lle foron realizadas, polo que se confeccionou o correspondente boletín de denuncia, que conleva unha sanción económica de 1.000 euros e a detracción de 6 puntos do permiso de conducir.
Ás 11’30 horas do domingo, na rúa San Lorenzo, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio que realizaba patrulla preventiva, observa a presenza dun patinete (VMP) cunha circulación altamente irregular, polo que proceden a contactar co seu condutor, que presenta claros signos de atoparse baixo a influencia do alcol. Unha vez sometido ás probas de detección regulamentarias, lanza resultado de 1.51 e 1.49 mg/L, motivo polo cal, ao non tratarse de vehículo de motor ou ciclomotor, é denunciado administrativamente, o que supuxo unha sanción económica de 1.000 euros.
Durante a mañá do domingo, os axentes de Policía de Barrio tamén estableceron un control de velocidade na rolda do Carme, que ten límite máximo de velocidade a 30 km/h, sendo controlados un total de 91 vehículos, 18 dos cales foron denunciados por exceder a velocidade máxima permitida. A máxima velocidade captada polo cinemómetro foi de 62 km/h, infracción que leva consigo unha sanción económica de 400 euros e a detracción de 4 puntos do permiso de conducir.
Durante a fin de semana tamén foron localizados dous vehículos sobre os que figuraban senllas ordes de precinto, unha delas procedente do Concello de Lugo e a outra dun Xulgado do Social. Ambos automóbiles foron trasladados ao depósito municipal, onde foron precintados ao dispor da autoridade de referencia, ata que os seus titulares regularicen a súa situación.
Control de establecementos
Durante a mañá do domingo, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio responden a un requirimento sobre varias persoas causando molestias nas inmediacións dun establecemento hostaleiro da rúa Luís Seoane. Durante a intervención, os axentes realizan unha inspección no devandito local, comprobando que o seu titular non comunicou á Administración o cambio de titularidade da actividade, tal e como é preceptivo, polo que levantaron acta por un incumprimento á Lei de Emprendemento e Competitividade de Galicia.
Presunto delicto de violencia de xénero
Ás 2’00 horas do domingo, a Sala do 092 recibe unha chamada, presuntamente realizada desde Sevilla pola filla dunha muller que estaba a ser agredida, alertando sobre un presunto delicto de violencia de xénero nun domicilio da cidade.
Trasládanse de inmediato ao lugar dous indicativos do Grupo Operativo Nocturno, cuxos compoñentes escoitan desde o exterior da vivenda unha forte discusión e unha voz de home proferindo insultos. Son recibidos no domicilio por quen di ser irmán do home que resultaría detido, que manifesta atoparse no lugar para mediar entre a parella; achándose tamén presente dicha parella e dous fillos menores, de 10 e 15 anos.
Os axentes entrevístanse con ambas partes por separado, manifestando a muller, do mesmo xeito que os seus dous fillos, que viña sufrindo malos tratos, tanto físicos como psicolóxicos, desde facía tempo.
As vítimas son trasladadas nun vehículo camuflado a un centro sanitario para ser asistidas.
Procédese á detención do home, que é trasladado a dependencias policiais, para a instrución das correspondentes dilixencias, sendo tamén trasladado ao HULA para dar cumprimento aos seus dereitos como detido.
Infracción Lei Seguridade Cidadá
Durante a mañá do sábado, a Sala do 092 recibe información sobre un raposo atrapado no alféizar dunha xanela do segundo piso dun edificio de Augas Férreas. Ao lugar trasládase un indicativo de Policía de Barrio, que facilita o lazo de dotación policial ao axente ambiental que se presentou no lugar, cunha dotación de Bombeiros, procedendo ao rescate do animal.
Cando os axentes atopábanse asegurando o lugar e reservando o espazo necesario para que ocupase en Servizo de Bombeiros á súa chegada, estaciona nas inmediacións un vehículo, facéndoo en dobre fila e descendendo do mesmos dous individuos que, internándose na calzada e ocupando o carril de circulación durante un período prolongado de tempo para captar imaxes do animal na cornixa, polo que os axentes diríxense a eles para que ocupen a beirarrúa, recibindo como resposta frases tales como “porque tes uniforme que se non…”, “estes novatos pensan que van comer o mundo…”. Por devandito motivo foilles requirida a súa documentación, levantando senllas actas por presunta infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por falta da debida consideración e respecto a un axente da autoridade.

