Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Martes, 04 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Control aparcacoches inmediacións HULA

Durante a mañá do luns 3, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio continuaron co dispositivo diario de control sobre os aparcacoches (gorrillas) que realizan a súa actividade nas inmediacións do HULA, causando molestias aos usuarios da vía e, en ocasións, poñendo en risco a súa integridade física.

Os axentes procederon á localización, identificación e denuncia de dúas “gorrillas”, que levaban a cabo a actividade internándose na calzada de forma intermitente, os cales abandonaron o lugar tras a actuación policial.

Denuncia por realizar actos obscenos na vía pública

Ás 11’50 horas, a Sala do 092 recibe información telefónica sobre un home que estaba realizando actos obscenos no Parque Rosalía de Castro, motivo polo cal se comisionou no lugar un indicativo de Policía de Barrio, que contactou coa requirente do servizo e procedeu á localización do suxeito, que se atopaba sentado nun banco do parque, cunha chaqueta sobre o colo. Aínda que o home negou os feitos, os axentes observaron, cando o individuo retirou a chaqueta, que tiña a cremalleira do pantalón completamente aberta. Confeccionouse denuncia por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por realizar actos de exhibición obscena.

Auxilio a mozo lesionado

Ás 11’40 horas, a Sala do 092 comisionou unha patrulla de Policía de Barrio nun domicilio onde había un mozo ferido, presuntamente por un intento de suicidio. Unha vez no lugar, os axentes contactaron co mozo, que presentaba un corte nun brazo e estaba a ser atendido por unha ambulancia do 061, o cal manifestou que se caeu accidentalmente contra o cristal dunha porta do domicilio, producíndose a ferida, algo que corroborou a súa parella, que se atopaba presente; podendo comprobar os policías a zona e observando o cristal roto e a zona ensanguentada, polo que, coa asistencia sanitaria, deron por finalizado o servizo.

Discusión familiar

Ás 22’15 horas, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse a un domicilio da cidade, xa que o morador do mesmo requirira a presenza policial por ter un familiar na súa casa que se nega a abandonar a mesma. Unha vez no lugar, os axentes contactaron coa requirente do servizo, que manifestou que convidara a cear ao seu sobriño pero que, nun momento determinado, aquel púxose violento, polo que lle pedía que abandonase o piso, a pesar do cal continuaba sentado no sofá. O mozo foi identificado polos policías e abandonou o lugar.

Presunto delito de VIOGEN

Ás 4’40 horas, varios veciños da rúa Armórica chamaron á Sala do 092 para informar dunha discusión entre unha parella que se estaba producindo na vía pública. Trasladáronse de inmediato varios indicativos do Grupo Operativo Nocturno, que se entrevistaron coas testemuñas, que manifestaron que observara a discusión que motivou que a muller se refuxiase no interior do seu vehículo, ao que o home posteriormente tentaba acceder, á vez que insultaba á muller, chegando a arrincar a manilla dunha das portas.

A presunta vítima, que manifestou que ambos eran parella, declinou o ofrecemento de asistencia sanitaria. Os axentes procederon á detención do suxeito, que foi trasladado a dependencias policiais para a práctica das oportunas dilixencias por un presunto delito de violencia de xénero.

Incendio

Ás 22’25 horas, varios indicativos do Grupo Operativo Nocturno trasladáronse a San Xoan de Campo - Belesar, onde había unha torreta eléctrica ardendo. Unha vez no lugar, os axentes acordoaron o mesmo para facilitar e asegurar os traballos do Servizo de Extinción de Incendios, que procedeu á extinción do lume, tras o cal requiriuse a presenza de técnicos de BEGASA, para que procedesen a desconectar a corrente da torreta afectada.

Filtros de seguridade viaria

Durante os filtros de seguridade viaria realizados o luns, día 3, observáronse as seguintes infraccións:

Durante a mañá, unha patrulla de Policía de Barrio observa a presenza dun vehículo que, unha vez comprobada a base de datos correspondente, non foi sometido á inspección técnica periódica no prazo regulamentario. Postos ao fala co condutor, os axentes comproban que non obtivo nunca o permiso de conducir polo que, ademais da denuncia administrativa pola ITV, inician dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria.

Xa durante a noite, os axentes do Grupo Operativo Nocturno e da Unidade de Atestados, sorprenderon a unha condutora que circulaba cunha taxa de alcol de 0.41 e 0.42 mg/L, polo que foi denunciada administrativamente. Do vehículo fíxose cargo outra persoa habilitada.

Tamén sorprenderon a un condutor cunha taxa de alcol de 0.76 e 0.78 mg/L, polo que foi investigado por un presunto delito contra a seguridade viaria. Do vehículo tamén se fixo cargo outra persoa habilitada.

Noticias relacionadas