Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Mércores, 01 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Filtros de seguridade vial

Durante os  filtros de seguridade levados a cabo durante o martes 31, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio e da Unidade de Atestados localizaron as seguintes infraccións:

  • Un condutor manexando o vehículo sen realizar o curso de reeducación necesario tras a retirada do mesmo.
  • 4 automóbiles que non foran sometidos á inspección técnica periódica no prazo regulamentario.
  • Un condutor que tiña o permiso de conducir co período de vixencia vencido, ao non renovalo en tempo.
  • Un condutor que manexaba o vehículo perdendo a vixencia do seu permiso, pola perda total dos puntos asignados. Neste último caso tamén foi denunciado por non subscribir o contrato de seguro obrigatorio para o vehículo, nin sometelo á inspección técnica regulamentaria.
  • Un condutor que circula cando perdeu a vixencia do seu permiso de conducir, motivo polo cal se inician dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, polo procedemento de xuízo rápido. Ademais, tampouco sometera o vehículo á inspección técnica periódica.
  • Un condutor que lanza resultado positivo nas probas de alcoholemia, 0.66 mg/L e que, ademais, a súa autorización administrativa para conducir perdeu a vixencia; motivo polo cal se instrúen dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, ademais de ser inmobilizado o vehículo no depósito municipal, ao non acharse presente ningunha persoa que puidese facerse cargo do mesmo. Tamén lle foi intervido o permiso de conducir que presentaba, xa que non fixera entrega do devandito documento na Xefatura Provincial de Tráfico, tal e como é obrigado.

Desorde pública en autobús urbano

Ás 18’40 horas do martes, os axentes de Policía de Barrio son comisionados nas inmediacións do HULA, rúa Ulises Romero, onde unha condutora do autobús urbano ten problemas cunha pasaxeira. Unha vez no lugar, os policías comproban que se trata dunha muller de 42 anos de idade, que se nega a abonar o billete do autobús e, ademais, agarrou fortemente por un brazo á súa condutora e golpeado repetidamente o biombo que a protexe. Aínda que dita pasaxeira inicialmente fixo caso omiso aos requirimentos dos axentes para que abandonase o vehículo e se identificase, finalmente, ante as advertencias dos policías sobre as posibles consecuencias da súa actitude, decide obedecer as súas indicacións.

Dita muller foi denunciada por senllas infraccións á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por causar desordes e obstaculizar o funcionamento dun servizo público; e por negativa a identificarse ante os axentes da autoridade.

Auxilio a persoa

Ás 16’20 horas, dous axentes de Policía de Barrio que realizaban patrullaxe preventivo pola rúa Dinán son requiridos por unha muller, de 20 anos de idade, que chega á súa altura sufocada e asustada, manifestando que estaba a ser seguida por dous individuos novos, dos cales achega descrición. Os axentes realizan varios percorridos pola zona, mesmo en compañía da muller, sen que logren localizar aos citados novos, motivo polo cal acompañan á muller ata o seu destino.

Molestias por ruídos

Os axentes de Policía de Barrio atenderon varios requirimentos por ruídos, na  Avd. de  Magoi ás 2’20 horas, que resultou ser un grupo de cinco persoas charlando entre si, que baixaron o ton de voz en canto foron advertidas; na Rolda das Fontiñas, ás 23’55 horas, onde se estaba celebrando unha festa desde horas do mediodía, manifestando os causantes non ser conscientes das molestias causadas, cesando inmediatamente as mesmas.

Ás 00’50 horas, os axentes trasládanse á rúa da Cruz, debido ás queixas veciñais sobre o ruído e alto volume de música procedentes dun dos locais de hostalería. Localizado a presunta orixe das molestias, os axentes comproban que se trata dun establecemento con licenza de cafetería, que ten especificamente prohibido o uso de aparellos reprodutores de música, a pesar do cal ten instalado un computador, conectado a unha mesa de mesturas e varios altofalantes; motivo polo cal é denunciado polas devanditas incidencias.

 

Noticias relacionadas