Comeza o pintado da nova sinalización viaria da Piringalla, que será efectiva a vindeira semana

A rúa Santo Grial, no tramo comprendido entre a rúa Lavandeira e Angelo Colocci, e a rúa Angelo Colocci, entre Santo Grial e Gallego Tato, serán zonas limitadas a 30 km/h. A rúa Avutarda pasará a ser de sentido único

O Concello repinta tamén 9 pasos de peóns nestas rúas, e outros catro en Gallego Tato, ademais das marcas viais e os tres pasos de péons do cruce de Santo Grial con Mar Cantábrico e Manuel María

Martes, 21 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comeza o pintado da nova sinalización viaria da Piringalla, que será efectiva a vindeira semana

O cambio de sinalización no barrio da Piringalla para continuar favorecendo na cidade a mobilidade inclusiva pola que traballa o Goberno comezou esta semana e será efectivo a finais da que vén. Os traballos comezaron polo repintado das sinais horizontais para logo instalar a verticais.

Deste xeito, tal e como xa anunciara a Alcaldesa, Lara Méndez, a rúa Santo Grial, no tramo comprendido entre a rúa Lavandeira e Angelo Colocci, e a rúa Angelo Colocci, entre Santo Grial e Gallego Tato, serán zonas limitadas a 30 km/h. O Goberno adopta estas medidas nunha contorna co colexio con máis alumnado matriculado da cidade, o Luis Pimentel, e con dous institutos que concentran uns 1.000 rapaces e rapazas - Muralla de Lugo e Ánxel Fole-. Ademais, cumpre un acordo plenario, o de dotar de zonas 30 no entorno dos centros escolares, ao igual que fixo xa na Avenida Ramón Ferreiro e na rúa Rodríguez Mourelo o pasado mes de outubro.

O Goberno de Lara Méndez entende a mobilidade como "unha constante", que engloba tanto grandes obras, como pode ser o proxecto de reforma da Volta da Viña vinculada á peonalización da Calzada da Ponte, enmarcada na estratexia Muramiñae, financiada ao 80% con fondos FEDER; como pequenas actuacións, "todas elas necesarias e complementarias", como esta sinalización, que persegue mellorar a calidade de vida e a seguridade dos veciños e veciñas.

Ao mesmo tempo que se produce este cambio de velocidade, tamén se repinta a sinalización de 9 pasos de peóns nestas rúas, e outros catro en Gallego Tato, onde recentemente se instalaron pasos de peóns con luces led. Complementarase a acción co repintado das marcas viais e os tres pasos de péons do cruce de Santo Grial con Mar Cantábrico e Manuel María. Paralelamente, tamén se realizará o cambio circulatorio na rúa Avutarda, pasando a ser de sentido único, todo elo coa finalidade de mellorar a seguridade e a circulación da zona.

Noticias relacionadas