COGAVE fai súas as reivindicacións dos lucenses para dotar de servizos sanitarios e ferroviarios á provincia

A Alcaldesa e o Presidente da Deputación mantiveron un encontro este sábado co presidente de COGAVE e o seu representante en Lugo

Lara Méndez destacou o papel do movemento asociativo veciñal e convidou aos veciños e veciñas “a seguir facendo propostas en positivo e a seguir facendo cidade entre todos”

Sábado, 12 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COGAVE fai súas as reivindicacións dos lucenses para dotar de servizos sanitarios e ferroviarios á provincia

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, mantiveron este sábado un encontro co Presidente da Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE), Eladio Fernández, e o seu representante en Lugo, José Manuel Carballo, no Pazo de San Marcos, onde esta asociación celebrou á súa reunión anual.

No encontro, a rexedora destacou o papel do movemento asociativo veciñal, “un mecanismo fundamental para crear unha sociedade máis integradora e axustada á realidade e un piar fundametal da democracia, pois canaliza a representación de todos os veciños e veciñas ante as institucións públicas”.

Lara Méndez convidou aos movementos veciñais “a seguir facendo propostas en positivo e a seguir facendo cidade entre todos” e lembrou as últimas iniciativas veciñais postas en marcha, capaces de conseguir avances sociais e reais. Neste senso, lembrou que foron capaces de mobilizar a máis de .15.000 peroas nas rúas de Lugo par reclamar hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear, así como a posta en marcha da plataforma Lugo, non perdas o tren, para reclamar servizos ferroviarios dignos para Lugo.

“Creo no movemento veciñal e en cada un dos veciños do municpio, na política participativa e no exercicio da cidadanía”, asegurou Méndez, quen tamén agradeceu o esforzo de todos os veciños na vida diaria de Lugo.

Pola súa banda, Campos subliñou “o traballo tan importante que realizan as asociacións veciñais, sobre todo na provincia de Lugo”, ao tempo que lembrou que dende o ente provincial “apostamos pola participación directa dos veciños, coa posta en marcha do Goberno Aberto”.

O Presidente fixo fincapé na participación cidadá como un dos eixos nos que xire a actividade provincial. “Dende a Deputación obtivemos experiencias deste tipo como a través da elaboración dos orzamentos participativos, nos que se contou coa opinión de máis de 55.000 veciños”. Neste senso, Campos Conde aproveitou para anunciar a posta en marcha duns novos orzamentos participativos o vindeiro ano, co fin de introducir e conformar o orzamento provincial dentro do Regulamento Orgánico.

Dixo ademais que a Federación lucense foi a abandeirada na defensa das necesidades dos veciños da provincia, a través das ILP, referendada por máis de 41.000 persoas que demandaban Hemodinámica 24 horas, Medicina Nuclear e Radioterapia.

Licitación da estación intermodal

Fernández Vázquez aproveitou a recepción para felicitar tanto ao Concello como á Deputación polas iniciativas sociais que están levando a cabo. “O que facedes en Lugo é un exemplo para o resto das provincias”, asegurou.

Por último, José Manuel Carballo, esixiu a licitación da Estación Intermodal de Lugo, que xa ten o proxecto realizado.

Noticias relacionadas