A concelleira de Cultura presentou aos grupos políticos os avances realizados na organización das festas de outubro.
Maite Ferreiro: "Este ano o San Froilán repetirá como a gran festa do outono galego".
O prazo para presentar cartaces ao San Froilán rematou con 40 propostas para as festas e unha proposta para o San Froilán Miúdo.

A Comisión de Festas reuniuse no día de hoxe para comezar a traballar na organización das festas do San Froilán. Segundo explicou Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, "desde a área de Cultura comezamos a traballar xa na edición 2024 do San Froilán, que un ano máis volverá encher de actividades as rúas de Lugo cun programa pensado para que todas as persoas atopen pasatempos do seu gusto". Ferreiro anunciou que unha vez rematado o prazo para presentar cartaces, o xurado do concurso reunirase nos vindeiros días para escoller entre 40 propostas para as festas e unha proposta para o San Froilán Miúdo.
Ferreiro afirmou que "estamos avanzando xa nos distintos pregos das festas, como son as casetas, a colocación do recinto feiral e a producción dos escenarios, que anunciaremos nos vindeiros días". A concelleira de Cultura presentou os avances realizados á Comisión de Festas, que está composta por 8 integrantes: 3 en representación do grupo municipal Socialista, 4 do Popular e 2 do Bloque Nacionalista Galego, xunto co xefe de Servizo de Cultura, que actúa como secretario da Comisión.
Ferreiro explicou que "distintas cuestións relacionadas coa organización das festas están xa avanzadas e abertas, como os prazos para participar na feira Gastroarte e para a instalación de 17 postos durante as festas de San Froilán no recinto feiral”, en Rodríguez Mourelo para stands de venta e en García Portela para xogos de habilidade.
A área de Cultura prorrogará os contratos das casetas e caldeiros de polbo e mantén aberto o prazo de licitación para a instalación da caseta e caldeiro nº 2 durante as festas neste ano 2024, explicou Maite Ferreiro.
Audio
- A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre a Comisión de Festas do San Froilán 2024 | Descargar mp3


